O Concello de Neda activa a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para colaborar coas familias con menos recursos económicos do municipio nos gastos derivados do transporte do alumnado matriculado no curso 2026-2027 tanto en centros universitarios como en ciclos formativos de formación profesional, bacharelato, e outros cursos de formación ocupacional que habiliten para o desempeño dunha profesión ou oficio.
Serán requisitos para solicita esta bolsa, ademais de estar matriculado/a para cursar algún dos estudos sinalados, o empadroamento no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, estar ao corrente das obrigas tributarias municipais e pertencer a unha familia cunha renda per cápita mensual non superior a 900 euros. Unha cifra considerablemente maior que a dos anos anteriores (400 €), que permitirá que máis familias poidan optar á axuda.
As subvencións repartiranse entre as persoas beneficiarias ata esgotar o crédito da convocatoria e “sen que en ningún caso o importe das axudas poida exceder da cantidade de 500 euros”.
O prazo para solicitar as axudas e presentar a documentación correspondente no rexistro xeral da Casa Consistorial arranca este venres e concluirá o 1 de decembro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.