Friday 13 de November de 2026

Pontón: A rebeldía que vimos na folga non pode quedar nas rúas, ten que chegar ás urnas o 29N cun apoio masivo ao BNG


Carme da Silva reivindica unha Galiza que se faga respectar: tarifa eléctrica propia, topes aos combustibles e galego en Madrid

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu que a mobilización masiva da cidadanía galega na folga xeral se traslade ás urnas cun voto masivo ao BNG nas eleccións xerais, no mitin de apertura de campaña do 29N en Vigo, xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.
A líder nacionalista amosou o seu “orgullo” por unha cidadanía que deu unha lección de dignidade nunha mobilización coa que demostrou que “non é o pobo calado e submiso que lles gustaría a algúns”. Ao contrario, alegou, Galiza estivo na vangarda do Estado en apoio á folga e en mobilización.
“Onte, este País deixou claro que somos un pobo que loita polo seu futuro, que aquí non hai resignación nin medo, ao contrario, hai esperanza”, remarcou, para subliñar a continuación que “esa esperanza non pode quedar nas rúas, ten que chegar tamén ás urnas o 29N cun apoio histórico ao BNG”.
Pontón amosou o seu convencemento de que o Bloque vai ter un gran apoio, algo que dixo notar nas rúas, pero tamén nun PP nervioso que centra os seus ataques na formación nacionalista. “Teñen medo de nós e fan ben telo, porque imos a por todas!”, proclamou.
O mesmo medo que os populares evidenciaron diante dunha folga xeral ante a que fixeron “o mellor que se lle dá ao PP, insultar”, recriminou en referencia aos ataques aos sindicatos convocantes con insultos como “mafia” ou “lixo”.
“Mafia son os amigos de Feijóo, empezando por Marcial Dorado, co que paseaba en iate na ría de Arousa, e lixo son as políticas de vivenda do Partido Popular, que en Galiza leva 17 anos dinamitando a política social de vivenda e por iso estamos onde estamos”, denunciou.
Neste sentido, advertiu ao PP que non vai conseguir parar ao BNG nin coa manipulación da TVG, nin con bulos. “Cada mentira terá a súa resposta, cada manipulación será denunciada e cada intento de enganar á sociedade atoparanos en fronte coa verdade, sen medo e con firmeza”, recalcou.
“E este 29N Galiza xógase moito, e se hai un momento en que Galiza, máis que nunca, ten que facerse valer é agora”, subliñou para indicar a continuación que o obxectivo é seguir tendo voz propia porque Galiza “só gañará con máis forza e peso político no Estado” da man do BNG.
Neste sentido, a líder nacionalista defendeu a alternativa do Bloque para darlle “máis forza aos galegos e ás galegas e para construír “un futuro mellor” avanzando en dereitos e vida digna.
Nun contexto no que se está a tentar desesperadamente reforzar o “bipartidismo sistémico”, apelou a “votar con alegría e con ilusión BNG” e concentrar no Bloque todo o voto rebelde e inconformista, todo o voto da xente que leva Galiza na cabeza e no corazón.
A portavoz nacional explicou neste punto que Galiza ten que ter “máis peso político” en Madrid, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos.
Para conseguilo, chamou a darlle “máis forza ao BNG” fronte á sordina bipartidista que considera aos galegos e ás galegas como a última carta da baralla da que só se acordan cando hai unha campaña electoral.
“Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou no Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Non é porque sexan máis listos, nin teñan máis recursos que nós, senón o resultado dun deseño centralista que se está reforzando a estremos nunca antes vistos porque é funcional para que os grandes grupos económicos gañen cada vez máis”, alertou.
Por iso, incidiu na necesidade de que o País gañe peso político nas Cortes cun BNG que tamén é garantía na defensa dos dereitos das maiorías sociais e dunha unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos e para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas.
Pontón tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou acadar, mentres se aumenta o investimento en armas.
Neste sentido, recordou que o gasto militar do Estado para 2025 ascendeu a máis de 35.000 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos deste ano só incluíu 840 millóns para políticas de vivenda, o que vén a revelar cales son as prioridades actuais.
“Para rachar este deseño centralista e cambiar estas prioridades, temos que darlle máis forza ao BNG; para que Galiza gañe peso político e para avanzar en dereitos e vida digna”, concluíu.
Pola súa parte, Carme da Silva tamén chamou a converter a mobilización e a rebeldía social amosada onte nunha gran resposta nas urnas o vindeiro 29N. “A política ten que dar resposta aos problemas que afogan as maiorías sociais. Este ten que ser o seu obxectivo: servir para mellorar a vida da xente”, afirmou a cabeza de lista do BNG por Pontevedra no mitin de apertura de campaña, no que reivindicou unha forma de entender e practicar a política “honrada, con contido e con propostas valentes e comprometidas coas maiorías sociais”.
Fronte a quen utiliza a política para defender privilexios, o Bloque -dixo- aposta por garantir empregos estables e salarios dignos, vivenda como dereito, pensións que dean tranquilidade e uns servizos públicos fortes. “Onte as rúas de Vigo foron un berro de rebeldía e esperanza. O 29 de novembro esa enerxía vai ser moito BNG nas urnas”, asegurou.
Da Silva tamén puxo o foco nos ataques do PP á lingua galega, despois de anunciar que quere prohibir o seu uso no Congreso, utilizando o Senado como modelo. “O PP non perde ningunha oportunidade de atacar e desprezar o galego. Mandou a Cayetana Álvarez de Toledo e Feijóo obedeceu”, criticou. Fronte a esta actitude, asegurou que o BNG vai defender os dereitos nacionais de Galiza e levar a súa lingua á Cámara Baixa con máis forza: “Queremos galego na Galiza e levaremos Galiza en galego a Madrid”.
A candidata incidiu en que facerse respectar como país tamén significa que a riqueza dos ríos e do vento galegos sirva para que a cidadanía pague menos pola luz e non para engordar os beneficios das grandes eléctricas.
Así mesmo, denunciou que, mentres cada vez custa máis encher o depósito do coche e as familias e os sectores produtivos soportan o encarecemento dos combustibles, Repsol acumula un incremento do 325 % nos seus beneficios no que vai de 2026, unhas ganancias que cualificou de “obscenas”, alimentadas pola guerra e o sufrimento dos pobos.
“É posible cambialo e desde o BNG témolo claro”, afirmou, para defender a continuación a aplicación de topes aos combustibles e á enerxía, unha tarifa eléctrica galega e impostos ás grandes eléctricas para que a riqueza do país reverta na súa xente.
Da Silva chamou así a romper coa dinámica de décadas do bipartidismo e a votar pensando nos intereses de Galiza, sen resignación nin conformismo. “Ateiguemos as urnas de papeletas por Galiza, de papeletas do BNG. Nestas eleccións votemos con orgullo de país, fagámonos respectar. Fagamos que Galiza conte!”, concluíu.

Deja un comentario