Thursday 12 de November de 2026

“A Laracha Conecta” celebrará mañá unha xornada dedicada ao agro con representantes institucionais e profesionais do sector


No Centro Sociocultural de Paiosaco a partir das 10:30 h, con asistencia libre para calquera persoa interesada.

O programa municipal ‘A Laracha Conecta’ celebrará mañá, venres 13 de novembro, unha xornada dedicada ao sector primario na que se darán cita representantes institucionais, especialistas e profesionais vinculados á agricultura e á gandería para analizar a situación do agro, compartir experiencias e dar visibilidade ás oportunidades de desenvolvemento deste ámbito económico de gran importancia no concello da Laracha.

O evento terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural de Paiosaco a partir das 10:30 horas e estará conducido pola xornalista de La Voz de Galicia Patricia Blanco. O acto é aberto ao público xeral, polo que poderán asistir todas as persoas interesadas en coñecer máis sobre o presente e o futuro do sector primario.

A xornada contará cunha destacada representación institucional. O alcalde, José Manuel López Varela, será o encargado de dar a benvida como apertura. A continuación intervirán José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia; Cristina Capelán, deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña; e Marcos Pérez, director da Fundación Galicia Sustentable. O perfil dos participantes permitirá achegar diferentes perspectivas sobre o apoio ao sector e os instrumentos e iniciativas que contribúen ao seu desenvolvemento.

O programa tamén reserva un espazo dedicado ás experiencias profesionais e á análise da realidade do agro con cinco representantes de empresas e explotacións: Lorena Palleiro, socia de Horta Bertoa; Sergio Añón, xerente de Hortalizas Añón Pardiñas; Severino Brea, xerente de A Brea 36 SL.; e Eloy Costa, profesional autónomo do sector gandeiro.

A través das súas intervencións, os participantes compartirán experiencias reais, modelos de actividade e diferentes perspectivas sobre os retos e as posibilidades que ofrece o sector primario, cunha atención especial ás iniciativas empresariais que contribúen a manter e impulsar a actividade no medio rural na Laracha e a comarca de Bergantiños.

Esta é a primeira das tres xornadas públicas previstas en ‘A Laracha Conecta’, unha iniciativa do Concello estruturada arredor dos eixos do sector primario, a industria e os oficios, e o turismo e o deporte. As outras dúas está previsto que se celebren os días 18 e 26 deste mes. O obxectivo é favorecer o intercambio de coñecementos, fortalecer as relacións entre os axentes económicos e identificar novas oportunidades de crecemento e colaboración.

O programa está financiado en colaboración coa Deputación da Coruña no marco das axudas provinciais destinadas á promoción económica.

Deja un comentario