O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, recibiron a Mateo Rey e Lucía Lamas, aos que felicitaron pola súa elección para formar parte desta iniciativa estatal do Ministerio de Xuventude e Infancia.
Mateo Rey e Lucía Lamas, dous integrantes do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA) ‘Os Castrexes de Mentes Claras’ da Laracha, participarán esta fin de semana en Madrid na ‘Simulación del Consejo Infantil y Adolescente de Ministras y Ministros’, unha iniciativa promovida polo Ministerio de Xuventude e Infancia na que tomarán parte 25 rapaces de entre 12 e 17 anos procedentes de distintos puntos de España. Os dous laracheses serán os únicos galegos.
A participación de Mateo e Lucía é froito da súa selección pola organización nun proceso aberto a mozos vinculados a diferentes ámbitos de participación infantil e adolescente. O encontro presencial desenvolverase desde mañá venres 13 e ata o domingo, dando continuidade ás dúas sesións en liña que xa se celebraron previamente.
O obxectivo desta experiencia é achegarlles aos participantes os mecanismos de deliberación e toma de decisións a través dunha simulación do funcionamento do Consello de Ministras e Ministros do Goberno de España. Trátase dunha oportunidade para que poidan coñecer de primeira man como se desenvolven eses procesos, expresar as súas opinións, debater e formular propostas sobre cuestións de interese colectivo.
O Ministerio asumirá integramente os gastos de desprazamento e estancia dos dous participantes e da persoa adulta que os acompañará durante a fin de semana en Madrid.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, recibiron a Mateo Rey e Lucía Lamas antes da súa viaxe para felicitalos pola selección e trasladarlles a satisfacción do Concello por contar con dous representantes da Laracha nunha iniciativa destas características. Tamén os animaron a aproveitar a experiencia e a compartir o aprendido co resto dos integrantes do EPIA.
A participación de Mateo e Lucía pon de manifesto o valor de contar na Laracha cun espazo estable de participación infantil e adolescente. O EPIA ‘Os Castrexes de Mentes Claras’ abre as portas a que os nenos e mozos do municipio poidan implicarse na vida comunitaria, trasladar as súas inquedanzas e acceder a experiencias que van máis aló do ámbito local.
Que a Laracha estea representada nun encontro estatal como este supón tamén unha oportunidade para dar visibilidade á participación da infancia e adolescencia do municipio, facendo chegar a súa voz a espazos nos que se debaten e traballan cuestións de interese para toda a sociedade española.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.