As obras darán comezo no mes de xaneiro cun período de execución de 15 meses. O proxecto enmárcase no desenvolvemento dun espazo urbano máis cómodo, funcional e sustentable.
O Concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado do xefe do servizo de Obras e Proxecto, Antonio Ranedo, para dar conta da situación actual do proxecto construtivo para a reurbanización da rúa de Mallou, que foi adxudicado na Xunta de Goberno local do pasado 9 de novembro.
A empresa adxudicataria do contrato de reurbanización é Obras e Viales de Galicia -OVIGA-, por un importe de 1.301.420 euros. Pola súa banda, a dirección facultativa da obra adxudicouse a Proyfe por 39.869,50 €.
As obras darán comezo, segundo explicou o concelleiro, o vindeiro mes de xaneiro, cun prazo de execución de 15 meses.
Un proxecto pioneiro e necesario de reurbanización
O proxecto define un ámbito de actuación de 7.565 metros cadrados. Esténdese a través de 540 metros de rúa, entre a rúa Pequena, na área sur, e a confluencia na zona norte coa rúa Queimada.
Xesús Domínguez valorou o feito de tratarse dunha intervención “moi agardada no barrio de Meixonfrío” que permite rexenerar un espazo urbano con necesidades diversas. Neste sentido, agradeceu a colaboración da Asociación Veciñal Casa Agraria.
O concelleiro referiuse ao carácter pioneiro deste proxecto por adiantarse ao crecemento que nos vindeiros anos experimentará a zona norte da cidade. Explicou que a intervención cumpre coas tres premisas do modelo urbano que se está a desenvolver en Santiago de Compostela: a mellora da accesibilidade e a funcionalidade das rúas; a mellora da calidade ambiental do espazo público, dentro dunha estratexia integral de adaptación ao cambio climático, e a renovación das redes de servizos públicos.
Para pór en perspectiva a mudanza na área que significará a reurbanización da rúa, o edil detívose na situación actual do ámbito, “moi heteroxéneo no seu trazado e dimensións”. Así, lembrou que existen zonas que nunca chegaron a urbanizarse por completo, e que a situación das beirarrúas existentes é moi diversa, habendo puntos que carecen delas e outros nos que resulta moi estreita. En xeral, abundan as barreiras arquitectónicas froito de estándares urbanísticos obsoletos. Ademais, no ámbito da mellora da seguridade, a única intervención previa foi a instalación de bandas redutoras de velocidade.
Características
A reurbanización da rúa redistribúe o espazo existente. Crearase un carril único de circulación, amplo e equilibrado entre as distintas formas de transporte (peonil, en bicicleta, en vehículo privado ou en transporte público). O proxecto reorganiza espazos de estacionamento onde xa existían ou o espazo dispoñible o permite.
Domínguez fixo fincapé no obxectivo de “que se poida camiñar con seguridade ao longo de toda a rúa”. Así, explicou que as beirarrúas resultantes da intervención serán accesibles, desenvolvéndose itinerarios peonís seguros. Tamén se instalarán cinco pasos peonís elevados. Co obxectivo de calmar o tráfico rodado e mellorar a accesibilidade, na metade do ámbito instalarase unha zona ampla de plataforma única.
O proxecto tamén contempla o deseño de pequenos espazos de estancia vinculados á plantación de árbores ou aproveitando as existentes.
Sobre os materiais da reurbanización, o concelleiro explicou que se priorizarán aqueles máis duradeiros con menor necesidade de mantemento, optando por solucións homoxéneas ao longo do ámbito.
Por outra banda, a reurbanización permitirá a renovación da instalación e a prestación dos servizos públicos ao longo da rúa de Mallou. “Estas obras supoñen a oportunidade para continuarmos a modernizar e organizar dun xeito máis racional as redes”, explicou o concelleiro, pondo como exemplo o cambio da actual rede de saneamento unitaria por unha nova separativa. O proxecto inclúe tamén a drenaxe das augas pluviais en toda a superficie da rúa, e a adaptación á nova rasante da rede de abastecemento de auga.
O sistema de fíos eléctricos e de comunicacións irá soterrado. No caso do alumeado, óptase por sistemas máis eficientes orientados ao baixo consumo e mellor calidade de iluminación. “Isto implica tamén que mellorará a percepción da seguridade da rúa”, engadiu o edil.
Os colectores do lixo tamén serán reorganizados para racionalizar a súa localización.
Modelo urbano máis accesible e sustentable
O concelleiro enmarcou esta actuación “nun modelo urbano que procura unha maior calidade e resiliencia do espazo público, á vez que quere aumentar a seguridade, a accesibilidade e a prestación dos servizos públicos”, na mesma liña que proxectos previos como o desenvolvemento do Barrio Verde da Pontepedriña.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.