Thursday 12 de November de 2026

O cine e a inclusión énchense de solidariedade: A Asociación Ambar presenta o seu Calendario 2027 no Cine Teatro Elma


A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional levou a cabo hoxe a presentación oficial do seu Calendario Solidario 2027 no Cine Teatro Elma da Pobra do Caramiñal. Unha nova edición dedicada ó mundo do cine e que busca visibilizar o talento das persoas usuarias da entidade. O Calendario Solidario 2027 é froito dun intenso traballo creativo entre o fotógrafo Pichero e Ambar onde os participantes recrearon as cartelas das seguintes series: Rondallas, Pioneras, El Maestro que Prometió el Mar, Sorda, Romería, Te Estoy Amando Locamente, Casa en Flames, Sirat, Yo no Moriré de Amor, El 47, Los Aitas e Los Domingos.

No acto estiveron presentes autoridades de diferentes concellos da contorna. Abriu o evento José Carlos Vidal, alcalde da Pobra, quen tamén estivo acompañado de Amparo Cerecedo, concelleira de Servizos Sociais. «Grazas polo voso traballo, pola vosa entrega e por lembrarnos unha e outra vez que detrás de cada persoa hai unha historia, uns soños, unhas capacidades e moito que compartir», afirmaba Vidal no seu discurso. Do Concello de Ribeira acudiu o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Dende Porto do Son asistiron a concelleira de Obras e Servizos, María Maroñas, e o concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo.

De Ambar asistiron á presentación todas as persoas usuarias e parte das súas familias, así como representantes da entidade como Milagros Rey, presidenta de Ambar, e Helena Teira, coordinadora xeral. Presentou o acto Zeltia Iglesias, facilitadora de Ambar e coordinadora do proxecto «Calendario Solidario». Durante a xornada reproducíronse uns vídeos das persoas participantes en pleno proceso de creación das portadas con Pichero.

Pecharon a xornada Milagros Rey, o fotógrafo Pichero e Amparo Cerecedo: «Alá no estranxeiro creo que queda inaugurado o Nadal cando Mariah Carey canta a panxoliña; aquí na Galiza, cando Caballero acende as luces de Vigo; pero na Barbanza queda inaugurado o Nadal cando se presenta o calendario de Ambar», afirmou Cerecedo. Milagros Rey agradeceu a gran acollida do público no acto de presentación, a colaboración do goberno da Pobra «Que sempre nos facilitan as cousas e nos reciben con brazos abertos» e o apoio por parte das empresas colaboradoras.

Adquisición e agradecementos

O Calendario Solidario 2027 xa está dispoñible para a súa adquisición a través da tenda en liña na web de Ambar ou mediante contacto directo nas canles habituais: 981 87 44 80 | correo@asociacionambar.org . A Asociación quere estender o seu agradecemento ó Concello da Pobra do Caramiñal e ós seus patrocinadores por facer posible este proxecto: Serdeco, Mobalco, Jaldo, Coyamar, Solarz, Rio Blanco, Cepsa (Estación de Santa Uxía), Eclipse, A Poutada, Fripusa, García Sánchez, Mariño Ortopedia, Electro Vidal S.L. e Pablo Ferreirós Abogado.

Deja un comentario