Compleméntanse así as especialidades de carpintería e forestal
A formación en competencias dixitais complementa as clases de carpintería e forestal que recibe o alumnado do obradoiro de emprego Tahume XI que se desenvolve nos municipios de Ribeira e O Porto do Son.
En consecuencia, nestes días finalizaron o módulo de Alfabetización Informática que se impartiu na Aula CeMIT de Ribeira. Este redunda en que adquiran e reforcen competencias dixitais, facilitando o acceso autónomo ás ferramentas tecnolóxicas e mellorando as posibilidades de desenvolvemento no ámbito profesional e na vida cotiá. Outras accións complementarias ás que asisten versan igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego.
A concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez, manifesta que o módulo que concluíron recentemente “permítelles gañar autonomía, acceder a maiores oportunidades para o crecemento persoal e profesional e mergullarse nunha contorna máis proclive á participación social. E a isto hai que engadir outras materias ás específicas de carpintería e forestal para que estean o mellor preparados posible para o mercado laboral. É un itinerario formativo moi completo.”
Metodoloxía teórica e práctica
O dito obradoiro botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos concellos de Ribeira e O Porto do Son, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
Este programa conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.