Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores.
O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o acceso á vivenda e frear os desafiuzamentos.
As e os socialistas participaron na mobilización convocada por UGT e CCOO en Santiago e reivindicaron a defensa dos dereitos laborais, os salarios dignos e unha negociación xusta dos convenios colectivos.
O PSdeG de Santiago participou este mércores nas mobilizacións convocadas por UGT e CCOO para reivindicar o dereito á vivenda, uns salarios dignos e a defensa da clase traballadora. Ao inicio da manifestación, o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, e o candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciaron o bloqueo do PP e Vox ás políticas sociais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez e defenderon a necesidade de seguir avanzando en dereitos fronte á especulación e aos intereses da dereita.
Aitor Bouza destacou que os socialistas están “unha vez máis, defendendo a clase traballadora” e cargou contra os ataques do Partido Popular aos sindicatos, especialmente tras as declaracións de Isabel Díaz Ayuso, que os cualificou de “basura”. Neste sentido, respondeu que “a única basura que podemos ver en España son as políticas que quere levar a cabo o Partido Popular en contra da clase traballadora”, acusando aos populares de defender os intereses dos especuladores fronte aos dereitos da maioría social.
O secretario xeral dos socialistas composteláns reivindicou “a loita contra a especulación, a defensa da clase traballadora e dos seus dereitos, como o dereito á vivenda”, e insistiu na necesidade de impulsar políticas que permitan vivir con dignidade. Bouza criticou que o PP non comprenda as demandas da cidadanía, asegurando que “non entenden España, non entenden Galicia, non entenden a cidadanía e os dereitos da cidadanía”, fronte ao modelo social que defende o Goberno de Pedro Sánchez.
Pola súa banda, Gumersindo Guinarte advertiu de que o acceso á vivenda continúa sendo un dos principais problemas da cidadanía, xa que a situación actual “non permite que moitos mozos e mozas poidan emanciparse, ter unha vida independente” e obriga a numerosas familias a destinar “unha porcentaxe inasumible a pagar a súa vivenda”. O candidato socialista ao Senado lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez impulsou reiteradamente medidas para frear os desafiuzamentos e favorecer o acceso á vivenda que “foron rexeitadas polo PP e por Vox”.
Guinarte reivindicou tamén “salarios dignos que permitan aos traballadores e traballadoras chegar ao final do mes” e unha negociación xusta dos convenios colectivos para evitar a perda de poder adquisitivo. Neste sentido, defendeu que a protección dos dereitos laborais e sociais “é o sinal de identidade do Partido Socialista” e, ante as eleccións do 29 de novembro, advertiu de que “non todos somos iguais” porque “non é o mesmo votar a uns partidos que votar a outros o día 29 de novembro”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.