As entradas poden adquirirse a partir deste venres
Ribeira continúa achegando as actividades que encherán de dinamismo o municipio durante a época do Nadal. Así, o Ballet Clásico Internacional volve traer ao Auditorio municipal, por segundo ano consecutivo, dous aclamados espectáculos: El cascanueces, no 6 de xaneiro, ás 19.00 horas; e La Bella Durmiente, no 8 de xaneiro, ás 20.30 horas. Cada un ten unha duración de 2 horas, cun descanso intermedio de 15 minutos.
“A danza conta, por segundo ano consecutivo, cun importante peso na programación cultural do Nadal ao contar con dous espectáculos de gran excelencia artística. Bailaríns de renome internacional farán desfrutar a grandes e pequenos do seu talento interpretando cos seus movementos, acompañados da música, dous clásicos das datas que se aproximan. Xa o ano pasado contamos con El cascanueces, unha historia propia desta época que fixo as delicias do público e que decidimos repetir e tamén incorporamos La Bella Durmiente. Un ano máis Ribeira pode presumir de estar presente na xira dunha compañía con tantos anos de traxectoria compartindo a beleza do ballet clásico e que conta con distincións como o do Teatro de Rojas”, anuncia a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A novidade é La Bella Durmiente, que, baixo a proposta artística de Tatiana Solovieva Producciones, levará a escena como a bruxa Carabosse lanza unha maldición durante o bautizo da princesa Aurora: ao cumprir dezaseis anos, a princesa pincharase cunha agulla e durmirá para sempre. Pero as súas fadas madriñas suavizarán o feitizo e, despois dun longo sono, o bico do príncipe Desiré conseguirá espertala do letargo. A historia remata cunha voda á que acoden personaxes dos contos de Charles Perrault. Doutra banda, apóstase novamente por El cascanueces, que amosa como, na véspera dun Nadal inesquecible, unha moza chamada Marie emprende unha travesía chea de marabillas e misterio. Acompañada polo Cascanueces, enfrontarase aos ratos malvados, bailará entre copos de neve e, finalmente, chegará ao Palacio Máxico. Alí, tódolos seus xoguetes cobrarán vida e danzarán nunha festa memorable.
Ao igual ca o ano pasado, contarase coa colaboración da Escola Municipal de Ballet de Ribeira, que tomará parte con 16 bailarinas (dous grupos de 8) con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos.
En El Cascanueces, o alumnado representará personaxes como os nenos e nenas da festa, anxiños, flores, ratos e ananiños; mentres que en La Bella Durmiente asumirán papeis como morcegos e fadas.
As entradas comezarán a venderse no venres, 13 de novembro, ás 09.00 horas. Farase simultaneamente de maneira online en www.ataquilla.com e presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 30 euros por entrada para cada función, máis gastos de xestión.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.