Lembra que as concelleiras Non Adscritas reclamaron o desenvolvemento do SUND-29 en febreiro de 2024 e setembro de 2026, e sinala que as obras anunciadas pola Xunta non comezarán ata finais de 2027 ou principios de 2028.
Castro reclama desbloquear outros 420.000 metros cadrados previstos no PXOM ao carón de Finsa: esixe ao Estado executar o Orbitaliño e ao Concello reformular os plans parciais do SUND-37.3 e do SUND-38.
A concelleira Non Adscrita Mila Castro considera unha boa noticia o anuncio da Xunta de ampliar o polígono empresarial da Sionlla en 383.000 metros cadrados, desenvolvendo o ámbito do SUND-29 que as concelleiras Non Adscritas levan reclamando desde febreiro de 2024. Porén, advirte de que a actuación chega con tres anos de atraso e de que o calendario anunciado polo Goberno galego sitúa o comezo das obras a finais de 2027 ou principios de 2028.
“É unha boa noticia, pero chega con tres anos de atraso. Desde que en outubro de 2023 se vendeu a última parcela pública da Sionlla, a Xunta tivo este proxecto nun caixón e agora recoñece que as obras nin sequera empezarán ata finais de 2027 ou principios de 2028”, sinala Castro, que lembra que as Non Adscritas reclamaron o desenvolvemento prioritario deste ámbito a través de dúas iniciativas plenarias, en febreiro de 2024 e novamente en setembro deste ano.
A concelleira considera, ademais, que a ampliación anunciada non será suficiente para responder ás necesidades do tecido empresarial compostelán. Así o trasladaron tamén os representantes da Asociación Área Empresarial do Tambre, da Cámara de Comercio e do Club Financiero, que recibiron positivamente o anuncio, pero advertiron de que a superficie prevista non cobre toda a demanda existente de solo industrial.
“Ademais, como advertiron onte mesmo os propios empresarios do Tambre, da Cámara de Comercio e do Club Financeiro, esa ampliación é insuficiente para a demanda que ten Santiago”, apunta.
Impulsar o Orbitaliño para conectar os polígonos industriais
Para Castro, a ampliación da Sionlla debe ser o primeiro paso dunha planificación industrial máis ambiciosa que aproveite todo o solo empresarial xa reservado no PXOM. Nese sentido, lembra que existen outros 420.000 metros cadrados na zona norte da cidade, nas proximidades de Finsa, correspondentes aos ámbitos SUND-37.3 e SUND-38, cuxo desenvolvemento continúa bloqueado.
“E para sumar máis solo industrial non fai falta inventar atallos especulativos en solo rústico en Lavacolla contra a veciñanza da Sabugueira: o noso PXOM xa ten reservados outros 420.000 metros cadrados na zona norte, ao carón de Finsa, nos ámbitos SUND-37.3 e SUND-38”, defende a concelleira.
Castro sinala dúas responsabilidades directas no bloqueo destes ámbitos. Por unha banda, reclama ao Goberno do Estado que desbloquee e execute o enlace do Orbitaliño, cuxo trazado definitivo foi aprobado no verán de 2023 pero continúa sen avances reais. Esta infraestrutura resulta fundamental para reorganizar as conexións da zona norte e mellorar a comunicación dos polígonos coa N-550, a AP-9, a A-54 e o aeroporto.
Pola outra banda, dirixe unha reclamación directa ao executivo de Goretti Sanmartín, ao que atribúe a responsabilidade de adaptar o planeamento municipal ás novas conexións viarias. O trazado do Orbitaliño obriga a reformular os plans parciais e redactar novos proxectos de urbanización para os ámbitos SUND-37.3 e SUND-38, unha tarefa que, segundo denuncia, segue sen iniciarse tras tres anos e medio de mandato.
A concelleira relaciona esta falta de planificación cos problemas que seguen afectando á actividade empresarial en Santiago, desde as demoras administrativas na concesión de licenzas de obra ata as deficiencias no mantemento das infraestruturas da Sionlla. Neste último ámbito, considera necesario que os compromisos de colaboración anunciados entre Xunta e Concello se traduzan en actuacións efectivas e nun modelo estable de conservación do polígono.
Castro insiste en que Santiago non pode limitar a súa política industrial a unha única ampliación, senón que debe activar todas as posibilidades previstas no seu planeamento e coordinar as administracións responsables para que o solo estea dispoñible canto antes.
“Precisamos impulsar os plans parciais destes dous polígonos para activalos canto antes, tamén coa implicación obrigada da Xunta de Galicia”, conclúe.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.