O Pazo da Cultura de Carballo acollerá este venres, 13 de novembro, ás 18.00 horas, un encontro dedicado ao acollemento familiar, organizado pola Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) coa colaboración do Concello de Carballo e da Deputación da Coruña.
Baixo o lema O acollemento é… compartir, a iniciativa pretende ofrecer un espazo de encontro, diálogo e intercambio de experiencias arredor do acollemento familiar, unha medida de protección que permite que nenos, nenas e adolescentes que non poden vivir temporalmente coas súas familias de orixe medren nun ambiente familiar seguro e afectivo.
A actividade tamén busca contribuír a dar visibilidade ao acollemento familiar, sensibilizar a sociedade sobre a súa importancia e favorecer o coñecemento desta realidade entre a cidadanía.
O acollemento familiar constitúe unha alternativa á atención residencial para menores que precisan unha medida de protección. A través desta fórmula, as familias acolledoras ofrecen coidados, estabilidade e acompañamento durante o tempo que resulte necesario, sempre atendendo ao interese superior dos nenos e nenas.
Para facilitar a participación, a organización ofrecerá un servizo de conciliación durante o encontro.
As persoas interesadas poden inscribirse nesta ligazón. Para obter máis información poden poñerse en contacto con Acougo a través do teléfono 622 672 188 ou do correo electrónico info@acougo.gal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.