• A portavoz popular lembra que o servizo se anunciou en xaneiro e segue sen funcionar en Culleredo dez meses despois: “Gobernar non é anunciar. Nin unha soa familia foi atendida e cada mes de espera conta”
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, rexistrou unha solicitude para coñecer que trámites quedan pendentes e en que data prevé o Concello empezar a prestar o servizo de atención temperá en Vilaboa. García propón que o goberno municipal designe a un responsable que coordine a apertura, publique o calendario e explique ás familias como se realizará a derivación ao servizo. “En xaneiro o goberno de Rioboo prometeu que atención temperá abriría nunhas semanas. Dez meses e un concerto social deserto despois, nin unha soa familia foi atendida. Gobernar non é anunciar: é abrir a porta e acompañar ás familias”, afirma García.
O Concello xa obtivo unha primeira subvención autonómica de case 110.000 euros para este servizo e, en abril, o pleno autorizou a prestación mediante concerto social, que quedou deserto. O PP leva desde entón pedindo explicacións. Agora a Xunta concedeu unha nova axuda de preto de 300.000 euros, cofinanciada por la Unión Europea, para prestar 10.320 horas de servizo entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2028. A unidade situarase no local municipal da rúa Domingo Sierra, en Vilaboa, e ofrecerá atención individualizada de logopedia, psicoloxía e terapia ocupacional a nenos e nenas de ata seis anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de presentalos. “Con esta axuda, Culleredo ten a oportunidade de ofrecer un servizo valiosísimo. Cando tes dúbidas sobre o desenvolvemento do teu fillo, saber a quen acudir e cando recibirá axuda importa moito. O período financiado xa empezou e cada mes de espera conta”, asegura García.
Alén do responsable municipal, a portavoz popular pide que se publique desde o inicio un teléfono de información, os criterios de acceso e os pasos para solicitar o servizo. “Cun goberno do PP, habería unha persoa á fronte e prazos públicos desde o primeiro día. Quero que, cando unha nai ou un pai pregunte pola atención temperá, o Concello poida darlle unha resposta clara e acompañarlle desde esa primeira chamada”, sinala.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.