Wednesday 11 de November de 2026

Gonzalo Muíños reclama un novo contrato para a renovación dos vehículos e do furgón de atestados da Policía Local


• Denuncia que desde novembro de 2025, cando rematou o prazo de contratación, aínda non haxa unha nova licitación.

• O concelleiro non adscrito pide que se retomen os controis de alcoholemia da Policía Local durante as fins de semana.

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclama ao goberno local que elaboren dúas novas licitacións que permitan renovar os coches e a furgoneta de atestados da Policía Local. Muíños puxo de manifesto que o contrato de aluguer dos vehículos rematou hai un ano, en novembro de 2025, e desde entón o executivo non fixo avances notables nesta materia.

En 2021 entrou en vigor un contrato que permitía adquirir en réxime de renting novos vehículos para a Policía Local de Santiago. Un ano despois de que ese contrato finalizara en novembro de 2025, coñécese que se está a elaborar un informe económico para a redacción da nova licitación, segundo aclarou Muíños, pero apuntou que se trata dun estudo que xa tería que estar feito.

O edil denunciou a contribución que está a facer a veciñanza do Concello de Santiago para o pago duns vehículos que xa non deberían estar en activo. “Cando se sabe que un contrato vai expirar, o habitual é facer os pasos previos antes de que finalice, non despois”, indicou o concelleiro. Desta maneira, engadiu que os atrasos na redacción dos documentos implican que ata novembro de 2027, aproximadamente, a Policía Local non vaia ter os novos vehículos.

Neste sentido, Muíños tamén puxo o foco de atención no “estado obsoleto” no que se atopa o furgón de atestados da Policía Local, polo que pediu que se elabore outra licitación para a súa renovación. Tal e como explicou, a pretensión do goberno local é a de incluír este asunto no contrato do aluguer dos coches, pero “isto é algo co que, segundo nos trasladaron, o persoal da Policía Local non está de todo de acordo”.
Ao xuízo do concelleiro non adscrito, esta demanda non se trata dun asunto menor, posto que vai dirixida a “garantir a calidade dun servizo que ofrece seguridade á veciñanza do municipio”. O edil insistiu en que “estes vehículos están constantemente en movemento, día e noite”, de aí que reclame ao goberno de Goretti Sanmartín que respecte os ciclos de renovación estipulados.

Falta de controis de alcoholemia

Outra das reivindicacións do concelleiro foi dirixida á inexistencia de controis de alcoholemia por parte da Policía Local. Desta maneira, insistiu ao goberno local que retome estes controis durante as fins de semana, “como se facía anteriormente”, apuntou.

O edil indicou que a seguridade debe estar garantida durante todo o ano, pero que se ten que reforzar naqueles picos de maior intensidade, como é o caso do Nadal. Muíños fixo fincapé na proximidade dunha das épocas de maior actividade nocturna coa chegada das celebracións de Nadal, polo que reclamou ao goberno de Goretti Sanmartín que “planifique con antelación os dispositivos especiais de seguridade e que recupere os controis de alcoholemia durante as fins de semana”.

Deja un comentario