Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral.
Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar de empregar os medios de notificación legalmente establecidos.
O Grupo Municipal Socialista esixe unha ampliación inmediata do prazo para evitar que as consecuencias da xestión municipal recaian sobre as entidades veciñais.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou o prazo insuficiente que o Goberno de Goretti Sanmartín deixou ás asociacións veciñais para xustificar as subvencións municipais, despois de que a súa concesión non se aprobase ata este luns, 9 de novembro, cando o prazo de xustificación remata mañá mércores, día 11, coincidindo ademais coa folga xeral.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, cualificou a situación de especialmente preocupante ao considerar que se trata dun prazo “totalmente insuficiente e moi difícil de cumprir” para unhas entidades que desenvolven a súa actividade grazas ao esforzo voluntario da veciñanza. Neste sentido, lembrou que as asociacións funcionan grazas ao traballo voluntario e desinteresado dos veciños e das veciñas “e realizan un labor fundamental para mellorar a calidade de vida nos barrios”.
A esta situación súmase, segundo denunciou Guinarte, que “as axudas concedidas son inferiores ás do ano pasado”, unha circunstancia que agrava as dificultades das entidades veciñais. O voceiro lembrou que desde o Grupo Municipal Socialista “xa denunciamos a redución de 8.000 euros no orzamento desta convocatoria” e reclamaron melloras para as vindeiras edicións, tanto na dotación económica como na tramitación das subvencións.
As e os socialistas cuestionan tamén o procedemento empregado polo Concello para informar ás entidades beneficiarias. Guinarte advertiu de que “as asociacións recibiron un correo electrónico, en lugar dunha notificación a través dos medios electrónicos legalmente establecidos”, unha forma de comunicación que consideran inadecuada nun procedemento administrativo destas características.
Neste contexto, Guinarte esixiu ao Goberno de Goretti Sanmartín que “escoite as asociacións veciñais e amplíe o prazo de xustificación”, advertindo de que “as consecuencias dunha mala xestión administrativa non poden recaer sobre as entidades veciñais nin prexudicar o traballo que realizan en beneficio de toda a cidadanía”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.