Wednesday 11 de November de 2026

O Concello de Oleiros reclama planificación e coordinación para mellorar a mobilidade comarcal


A apertura da estación intermodal sen servizos ferroviarios nin aparcamento, os cambios nos percorridos dos buses metropolitanos e a renuncia a un consorcio de transporte poñen de manifesto a falta dunha política coordinada de mobilidade.

A pasada semana abriu a estación intermodal da Coruña, pero fíxoo sen os servizos de tren nin o aparcamento de vehículos. “É como inaugurar un restaurante sen cociña”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

A Xunta de Galicia aproveitou esta apertura para modificar os percorridos dos autobuses metropolitanos e obrigalos a pasar pola estación intermodal. Unha decisión que incrementa os tempos de desprazamento das persoas usuarias dos municipios da área metropolitana que necesitan entrar e saír da cidade. Precisamente, o que demanda a maioría da poboación é un transporte público áxil e directo para acceder á Coruña e regresar aos seus lugares de residencia, xa que para os desprazamentos internos pola cidade existe o servizo de autobús urbano.

Pero os problemas non rematan aí. O Concello da Coruña anunciou a súa intención de licitar un novo contrato de transporte urbano por un longo período de anos, deixando inicialmente fóra a oportunidade de avanzar cara a un sistema metropolitano que integre Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo. A creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte permitiría planificar conxuntamente os servizos, coordinar as liñas e ofrecer solucións adaptadas á realidade diaria de milleiros de persoas que se desprazan entre os distintos municipios.

A esta falta de planificación súmanse as futuras restricións á circulación dos vehículos particulares, que poden acabar penalizando especialmente as persoas con menos recursos económicos, que non teñen capacidade para substituír o seu coche por outro novo ou eléctrico. A transición ecolóxica non pode converterse nunha medida discriminatoria que traslade o custo das políticas ambientais ás familias traballadoras, mentres a industria automobilística mantén a súa capacidade de influencia sobre as decisións europeas.

A comarca da Coruña necesita unha política de mobilidade pensada para as persoas, non decisións illadas de cada administración. É imprescindible establecer mecanismos de coordinación entre a Xunta, o Goberno central e os concellos para desbloquear e executar as infraestruturas viarias pendentes, mellorar as conexións e construír un sistema de transporte público metropolitano eficaz, rápido e accesible.

Deja un comentario