Wednesday 11 de November de 2026

O BNG recolle o malestar veciñal pola obra da AC-305 con menos autobuses, prexuízos para os negocios e problemas de tráfico en Palmeira.


Luís Pérez Barral pide a Concello e Xunta que minimicen as molestias, garantan a mobilidade e recuperen as paradas de autobús afectadas mentres duren os traballos.

O BNG denuncia as consecuencias que está a ter para a veciñanza e para os negocios de Palmeira o prolongado atraso das obras de humanización da AC-305. A execución está a prolongarse demasiado no tempo e está a provocar importantes prexuízos nos negocios da zona, dificultades para os desprazamentos e unha perda de servizos de transporte público.

O exalcalde e portavoz municipal, Luís Pérez Barral, sinala que os establecementos comerciais e hostaleiros de Palmeira están a soportar unha situación moi complicada, con restricións de circulación, dificultades de acceso e unha menor facilidade para que a clientela poida achegarse aos seus negocios. “Os negocios de Palmeira levan demasiados meses soportando molestias que lles están a ocasionar perdas”, afirma.

O nacionalista considera especialmente preocupante que unha actuación que debía estar rematada no verán deste ano continúe aínda condicionando a vida diaria de Palmeira. As obras, que custan máis de 2,5 millóns de euros, comezaron en marzo de 2025 e debería estar rematada en xuño deste ano, pero aínda estamos lonxe de que a veciñanza poida recuperar a normalidade, recrimina Barral.

Dificultades para desprazarse e menos paradas de autobús

O BNG recolleu na última semana moitas queixas veciñais que advirten das consecuencias que as restricións de tráfico están a ter sobre o transporte público. A nova fase das obras obrigou a modificar os percorridos e reducir as paradas operativas na parroquia, deixando fóra puntos nos que habitualmente podían subir e baixar as persoas usuarias. Esta situación resulta especialmente prexudicial para as persoas maiores, para quen non dispón de vehículo propio e para aquelas persoas que precisan utilizar o autobús para acudir ao traballo, ir ao médico ou realizar compras. Ademais, as persoas que necesitan viaxar a Santiago deben “buscarse a vida” para chegar ás estacións de Ribeira ou da Pobra.

“Non é normal que non haxa alternativas e que Concello e Xunta lles digan aos veciños que se busquen a vida para desprazarse. A mobilidade ten que estar garantida tamén durante a execución dos traballos, e as solucións provisionais deben facilitar a vida das persoas, non complicala”, defende o exrexedor.

Demandan maior coordinación

Outra das cuestións que a veciñanza trasladou ao BNG é o cumprimento dos sentidos de circulación provisionais e das prohibicións establecidas para ordenar o tráfico durante as obras. A formación recibiu queixas pola presenza de vehículos que, nalgunhas ocasións, incumpren a sinalización e os sentidos habilitados, xerando situacións de risco e dificultades para a circulación. A maiores, estanse a producir retencións e embotellamentos nos lugares do Carballal, Chimpín e A Bouciña, zonas que están a soportar unha parte importante do tráfico desviado pola intervención na AC-305.

Por este motivo, Luís Pérez Barral reclama unha maior presenza da Policía Local nestes puntos para vixiar o cumprimento das normas de circulación, evitar manobras perigosas e actuar cando se produzan situacións de saturación. “Hai que garantir que se cumpra a sinalización provisional para evitar problemas e retencións”, apunta.

O BNG considera que tanto a Xunta, como administración responsable da obra, como o Concello de Ribeira deben implicarse para minimizar os prexuízos mentres duren os traballos. A formación nacionalista reclama que se manteñan alternativas de transporte público suficientes, que se facilite na medida do posible o acceso aos establecementos comerciais e que se informe con claridade dos cambios que afectan á circulación.

“Palmeira merece investimentos mais o que non pode pasar é que os negocios teñan que seguir pagando as consecuencias dos atrasos, que as persoas maiores teñan máis dificultades para coller o autobús ou que os condutores se vexan expostos a situacións complicadas por falta de control”, conclúe Barral.

Deja un comentario