A concelleira socialista Marta Abal traslada as demandas dos veciños e veciñas sobre o estado de conservación dunha infraestrutura que soporta un importante volume de tráfico, incluído o paso habitual de vehículos pesados.
As e os socialistas solicitan unha inspección técnica para coñecer o estado real da ponte e determinar se é necesario adoptar medidas preventivas ou correctoras.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao Goberno municipal que revise o estado da ponte de Paredes, na parroquia de Laraño, atendendo así unha demanda trasladada pola veciñanza ante a preocupación polo estado de conservación desta infraestrutura. A petición foi presentada no último Pleno municipal co obxectivo de que os servizos técnicos realicen unha inspección que permita determinar se as deficiencias observadas requiren algunha intervención.
Abal explicou que a ponte soporta un importante volume de tráfico, incluído o paso habitual de vehículos pesados, e trasladou a preocupación da veciñanza polo seu estado de conservación, xa que “nos trasladaron a súa preocupación polo deterioro do firme, o pronunciado cambio de rasante e algunhas deficiencias que observaron na parte interior da ponte”.
Neste sentido, a concelleira socialista defendeu a necesidade de contar cunha valoración técnica que permita coñecer a situación da infraestrutura antes de adoptar calquera decisión, subliñando que “consideramos necesario que os servizos técnicos municipais realicen unha inspección para coñecer o seu estado real e determinar se é preciso levar a cabo algunha actuación preventiva ou correctora”.
Abal insistiu en que o obxectivo desta iniciativa é atender unha preocupación trasladada polos veciños e veciñas, sen anticipar conclusións sobre as condicións da infraestrutura, e expresou a súa confianza en que o Goberno local actúe, xa que “agardamos que o Goberno municipal atenda esta petición e dea resposta á preocupación da veciñanza, garantindo que se realicen as comprobacións necesarias para coñecer as condicións de conservación e seguridade desta infraestrutura”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.