• A concelleira Non Adscrita critica que o concello entregue a plena titularidade dunha parcela municipal para construír 123 vivendas sen fixar “nin sequera” un prazo de execución nin garantías reais.
• Rosón contrapón esta decisión ao retraso na constitución da empresa pública de vivenda e solo e lembra que hai dous meses a Alcaldesa reclamaba xestionar directamente os mesmos fondos estatais das zonas tensionadas aos que agora renuncia.
Mercedes Rosón considera que a decisión do executivo de Goretti Sanmartín de ceder á Xunta a plena titularidade da parcela municipal de A Muíña para a construción de 123 vivendas protexidas en réxime de alugueiro é “a mellor proba do fracaso e da falta de liderado político do goberno de Goretti Sanmartín en materia de vivenda”. A concelleira Non Adscrita cuestiona que o executivo renuncie ao patrimonio municipal sen establecer sequera un calendario para a execución da promoción nin garantías reais que aseguren o cumprimento dos compromisos adquiridos.
Rosón considera que esta decisión evidencia a falta dunha política municipal propia de vivenda e lembra que as concelleiras Non Adscritas xa advertiran ao comezo deste curso político de que a prioridade debía ser constituír dunha vez a empresa pública municipal de vivenda e solo, Emuvissa. “Dixemos daquela que non era serio que o goberno local reclamase no mes de setembro -facendo mesmo cumios co Concello da Coruña- xestionar directamente os fondos estatais das zonas tensionadas, cando en tres anos e medio nin sequera foron capaces de poñer a andar a ferramenta municipal necesaria para xestionar o noso propio solo e construír vivenda”.
Para a que fora titular de Urbanismo -e que puxo en marcha no pasado mandato a recuperación da antiga Emuvissa-, a ausencia desta empresa pública non é unha cuestión menor, senón que responde á falta de vontade política do BNG para impulsar a promoción pública de nova vivenda. “E por que non puxeron en marcha Emuvissa? Pois porque ao BNG e ao seu concelleiro de Urbanismo non lles gusta a promoción de vivenda nova; renunciaron a ela por prexuízo ideolóxico e apostárono todo unicamente á rehabilitación”, afirma.
Rosón considera que a aposta exclusiva pola rehabilitación é insuficiente para responder á dimensión da emerxencia habitacional que vive Santiago. “A realidade é teimuda: nin teñen recursos para unha rehabilitación activa a gran escala, nin a emerxencia habitacional que sofre Santiago se vai solucionar facendo fotos por rehabilitar catro vivendas contadas”. E engade: “catro vivendas non son nada para a situación límite na que están as familias e a mocidade desta cidade”.
“Cando un goberno renuncia á política de vivenda, acaba como espectador da propaganda do Partido Popular”
A concelleira cuestiona especialmente o cambio de posición do executivo municipal arredor dos fondos vinculados á declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. O pasado mes de setembro, Goretti Sanmartín reclamaba que os recursos estatais destinados a estas zonas fosen xestionados directamente polos concellos, argumentando que foran as administracións locais as que elaboraran os plans de medidas correctoras e coñecían as necesidades dos seus territorios.
Porén, tras o ofrecemento da Xunta e o prazo de cinco días concedido para escoller entre as alternativas propostas, o Goberno local acabou aceptando a cesión da plena propiedade da parcela de A Muíña ao Instituto Galego de Vivenda e Solo. Rosón contrapón esta decisión á proposta inicial municipal de constituír un dereito de superficie por 75 anos, que permitiría á Xunta desenvolver a promoción mantendo a titularidade do terreo no Concello.
“Ao final, por non facer os deberes municipais nin crer en Emuvissa, a señora Sanmartín pasa en dous meses da sobreactuación de pedir os fondos estatais a claudicar ante unha carta da Xunta, regalándolle o patrimonio municipal sen prazos e sen liderado”, denuncia.
Para Rosón, Santiago precisa un goberno que exerza as súas competencias, mobilice o solo público e dispoña de instrumentos propios para promover vivenda, en lugar de limitarse a reaccionar ante as decisións doutras administracións. “Cando un goberno renuncia a ter política propia de vivenda, acaba convertido en mero espectador da propaganda do Partido Popular”, conclúe.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.