Friday 06 de November de 2026

O Cros Escolar de Bergantiños enche a zona verde do polígono de Bértoa de deporte, convivencia e celebracións compartidas


A zona verde do polígono de Bértoa foi escenario dunha mañá de atletismo e convivencia coa celebración da fase zonal do Cros Escolar da comarca de Bergantiños. Cunha inscrición de 1.015 deportistas de 13 centros de ensino de Carballo e da comarca, a convocatoria volveu converter este espazo nun punto de encontro para o deporte escolar.

A proba, integrada no programa Xogade, estivo organizada polo Concello de Carballo e o Servizo Provincial de Deportes da Coruña da Xunta de Galicia. Ao longo da mañá disputáronse as carreiras masculinas e femininas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, entre os ánimos do alumnado e do profesorado que acompañou os equipos.

Tamén acompañou o sol unha xornada de saídas multitudinarias, esforzo nas carreiras e apoio entre compañeiros e compañeiras. Ademais da competición, o encontro permitiu fomentar a convivencia entre centros e promover a actividade física e os hábitos saudables desde as primeiras idades. Ao rematar as probas, os escolares dispuxeron de froita e auga.

O xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña da Xunta de Galicia, Julio Torreira; o concelleiro de Deportes de Carballo, Daniel Barreiro, e o técnico de Carballo Deporte Manuel Varela Bardanca entregaron as medallas. A celebración nos podios deixou algunhas das imaxes máis especiais da mañá, cos equipos levantando xuntos os trofeos e compartindo a alegría polos resultados.

Desde o Concello de Carballo agradécese a implicación dos centros educativos, do profesorado e de todas as persoas que colaboraron na organización, así como o entusiasmo dos nenos e nenas que participaron nesta festa do deporte escolar.

Mañá, I Cross Concello de Carballo
A programación continuará mañá, sábado 7 de novembro, ás 16.45 horas, coa celebración do I Cross Concello de Carballo no mesmo circuíto da zona verde de Bértoa. Cun percorrido de 5 quilómetros, esta nova proba popular amplía a oferta deportiva municipal e dá continuidade á práctica do atletismo máis alá das categorías escolares.

As 161 persoas inscritas poden recoller anticipadamente os dorsais e os chips na conserxaría do Complexo Deportivo Vila de Noia, hoxe ata as 22.30 horas e mañá de 10.00 a 13.00 horas. Tamén poderán retiralos na oficina da carreira ata 30 minutos antes da saída, presentando o DNI, a licenza federativa ou outro documento identificativo válido.

O Concello anima a veciñanza a achegarse a Bértoa para gozar dunha nova tarde de deporte e apoiar as persoas participantes nesta primeira edición.

Deja un comentario