Friday 06 de November de 2026

O pleno aproba por unanimidade a suspensión cautelar de licencias para plantas de biogás e outras instalacións similares


O acordo establece que non se poderán outorgar durante un ano, cunha prórroga doutros dous anos máis, mentres se tramita a modificación do PXOM para prohibir eses usos.

O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe por unanimidade a suspensión cautelar do outorgamento de licenzas de edificación ou actividades destinadas á instalación de plantas de produción de enerxía mediante o tratamento de residuos orgánicos ou similares en solo rústico de todo o termo municipal. A sesión celebrouse no auditorio do Centro Sociocultural de Paiosaco.

A medida terá unha duración inicial dun ano a contar desde a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG), e poderá prolongarse durante outros dous anos máis, ata un máximo de tres anos.

Este acordo dá continuidade ao tomado anteriormente polo Pleno de iniciar os estudos e trámites necesarios para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co propósito de prohibir ou restrinxir a implantación de plantas ou industrias de xestión de residuos, produción de biogás ou similares en solo rústico, especialmente cando poidan afectar núcleos de poboación ou bens do patrimonio cultural.
A suspensión cautelar aprobada hoxe supón un novo paso nesa liña de actuación e establece unha medida preventiva de ámbito municipal mentres se desenvolve o traballo de modificación do planeamento urbanístico.

Posición contraria á planta de Soandres desde o primeiro momento

Desde que se tivo coñecemento da iniciativa da planta de biogás de Soandres, o Concello, de xeito unánime, expresou o seu rexeitamento ao proxecto e foi adoptando todas as medidas que estaban ao seu alcance, dentro das competencias municipais e de acordo cos criterios e conclusións dos informes técnicos, xurídicos e urbanísticos.

Neste sentido, é preciso aclarar que, a día de hoxe, non se presentou no Concello da Laracha ningún proxecto para solicitar a correspondente licenza municipal. A única constancia administrativa existente é a documentación relativa á iniciativa presentada ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para a súa avaliación ambiental.

Deja un comentario