Marta Abal advirte de que o Concello podería perder parte da axuda concedida se non cumpre os requisitos de execución establecidos para marzo de 2027, cando deberá ter xustificados polo menos 1,74 millóns de euros de axuda europea.
A concelleira socialista denuncia que García Lorca é a única actuación en execución do Plan Horizonte Compostela, mentres proxectos como a Factoría Moza, as vivendas da Caramoniña ou o colector de pluviais da avenida de Lugo continúan sen obras licitadas.
As e os socialistas esixen explicacións sobre o estado dos proxectos e o reaxuste financeiro do plan, do que seguen sen ter información malia que debía presentarse en setembro.
O Grupo Municipal Socialista alertou hoxe do risco de que Santiago perda parte dos 8,7 millóns de euros concedidos a través dos fondos europeos EDIL pola falta de execución dos proxectos do Plan Horizonte Compostela. A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que o Goberno da señora Sanmartín afronta un prazo decisivo o próximo 31 de marzo de 2027 sen avances suficientes nas actuacións previstas, o que podería derivar nunha redución dos fondos asignados.
Abal lembrou que o plan foi presentado en febreiro de 2025 cun investimento inicial de 20 millóns de euros para transformar o noroeste da cidade, un obxectivo que as e os socialistas comparten, pero denunciou que dende a formación “estamos preocupados pola xestión, ou máis ben, pola mala xestión que o Goberno municipal está a facer destes fondos europeos”. Dos 12 millóns solicitados, finalmente concedéronse 8,7 millóns, unha redución ante a que o executivo local asegurou que non renunciaría a ningunha actuación, malia que, segundo advertiu a concelleira, a día de hoxe seguen sen coñecerse avances en boa parte dos proxectos.
A socialista explicou que nos fondos EDIL “o financiamento está directamente vinculado á capacidade de xestión e á capacidade de execución dos concellos”, de maneira que unha boa xestión permite captar máis recursos, mentres que unha mala execución pode poñer en risco os xa concedidos. Neste sentido, advertiu de que “existe un serio risco de que o Concello de Santiago perda parte da axuda concedida”, xa que o 31 de marzo de 2027 deberá ter xustificada polo menos o 20 % da axuda concedida, isto é 1,74 millóns de euros e seleccionadas operacións que representen o 70 % do gasto previsto, uns requisitos sobre os que “temos serias dúbidas de que o Goberno municipal vaia acadar o fito”.
Abal fundamentou esta preocupación no estado das actuacións do Plan Horizonte Compostela impulsadas ata o de agora polo goberno: as vivendas da Caramoniña continúan sen obras licitadas, o colector de pluviais da Avenida de Lugo segue en fase de estudo e a Factoría Moza está “pendente de adxudicar” aínda a redacción do proxecto “dende setembro de 2026”. Fronte a esta situación, subliñou que “a obra de García Lorca é a única gran actuación que está en execución” e que, mesmo computando esta obra segundo os cálculos socialistas, “nin sequera no escenario máis optimista” se chegaría a metade do 1,74 millóns de euros de ten que xustificar antes do 31 de marzo de 2027, polo que advertiu de que “non fai falta ser matemático” para constatar o risco de incumprimento.
A concelleira cuestionou tamén a falta de información sobre o resto das actuacións comprometidas, como o equipamento deportivo da zona norte, o elevador da Almáciga ou a reurbanización da praza de Ultreia, proxectos dos que “non sabemos absolutamente nada”, e reclamou ao Goberno municipal que explique “en que situación se atopa a execución destes fondos europeos”. Ademais, denunciou que segue sen coñecerse o reaxuste financeiro que debía presentarse en setembro nin os orzamentos de 2027, indispensables para garantir a achega municipal necesaria.
Por último, Abal insistiu en que “a boa execución dos fondos europeos é indispensable para avanzar na verdadeira transformación de Compostela” e esixiu ao Goberno da señora Sanmartín explicacións e medidas concretas para evitar que a falta de execución acabe custándolle á cidade parte duns recursos fundamentais para o seu futuro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.