Friday 06 de November de 2026

Avanza a contratación das obras de abastecemento, saneamento, drenaxe e pavimentación na Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo


Catro empresas presentaron ofertas á licitación e a Mesa de Contratación propón a oferta de Excavaciones y Canalizaciones Conde, por 368.611,83 euros máis IVE

A actuación terá un prazo de execución de catro meses e inclúe unha intervención específica na Lagarteira par canalizar as augas antes de renovar o firme

O procedemento para a contratación das obras de mellora de servizos e pavimentos na Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo continúa avanzando tras a finalización do prazo de presentación de ofertas. Un total de catro empresas concorreron á licitación dunha actuación que permitirá ampliar as redes de abastecemento e saneamento, mellorar a drenaxe e renovar diferentes viais destes núcleos.

A licitación partía dun orzamento de 469.989,79 euros e, unha vez valoradas as propostas presentadas, a oferta máis vantaxosa foi a formulada por Excavaciones y Canalizaciones Conde, por un importe de 368.611,83 euros máis IVE.

Recibida a documentación requirida á empresa proposta, a Mesa de Contratación elevou a correspondente proposta ao órgano de contratación para continuar coa tramitación do expediente. Unha vez completado o procedemento e iniciados os traballos, a empresa disporá dun prazo de catro meses para executar as obras.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que “o procedemento de contratación segue os seus trámites e, neste momento, contamos xa cunha proposta elevada pola Mesa de Contratación despois de comprobar a documentación requirida”. A rexedora lembrou que se trata “dunha obra ampla e tecnicamente complexa, porque combina nunha mesma actuación diferentes redes de servizos e a posterior recuperación dos pavimentos”.

Pola súa banda, o concelleiro de urbanismo e presidente da Mesa de Contratación, Manuel Polo, incidiu no carácter administrativo desta fase. “Presentáronse catro empresas e, unha vez examinadas e valoradas as ofertas conforme aos criterios establecidos nos pregos e recibida a documentación requirida, a Mesa elevou a proposta ao órgano de contratación. A partir de agora corresponde continuar cos trámites previstos no expediente”, explicou.

Unha actuación integral sobre os servizos básicos

O proxecto permitirá levar a rede municipal de abastecemento de auga potable aos núcleos da Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira. Debido ás características topográficas da zona e á falta de presión suficiente nalgúns puntos, a actuación incorpora solucións específicas de impulsión para garantir o caudal e a presión necesarios nas vivendas.

No Camiño de Arriba ampliarase ademais a rede de saneamento para dar servizo a vivendas que actualmente carecen de conexión. A solución prevista combina a condución por gravidade cun sistema de bombeo que permitirá impulsar as augas residuais ata a rede municipal existente.

Unha vez executadas as infraestruturas soterradas, realizarase tamén a renovación dos firmes en diferentes tramos do Camiño de Arriba, O Covelo e A Lagarteira, ademais dun vial auxiliar nesta última zona.

A Lagarteira: actuar primeiro sobre a auga e despois sobre o firme

Unha parte destacada do proxecto corresponde ao Camiño da Lagarteira, onde existe un problema de escorrentía superficial que afecta á conservación do vial. A ausencia dun sistema de drenaxe suficientemente eficaz provoca que parte das augas discorran pola propia plataforma, co conseguinte arrastre de materiais e deterioro das capas que conforman o firme.

Por este motivo, a actuación prevista non se limita á pavimentación do camiño. Antes de renovar a superficie executarase unha nova rede soterrada de drenaxe de augas pluviais, con colectores, pozos de rexistro e sumidoiros destinados a captar a escorrentía e conducila correctamente ata a rede existente.

Só despois desta intervención sobre a drenaxe se acometerá a renovación do firme. Na Lagarteira aproveitarase, ademais, a largura dispoñible ata os límites do dominio público municipal, adaptando a plataforma sen modificar a rasante actual.

Sandra Permuy sinalou que “na Lagarteira hai unha problemática concreta coa auga que condiciona o estado do camiño. O proxecto parte precisamente desa realidade, para canalizar primeiro as escorrentías e, unha vez resolta esa cuestión, actuar sobre o pavimento”.

“Renovar un firme sen corrixir previamente aquilo que está contribuíndo ao seu deterioro non resolvería o problema. Por iso o proxecto contempla unha intervención con diferentes fases e redes, buscando que a solución responda ás características técnicas deste punto”, explicou a alcaldesa.

A actuación completarase coa instalación das novas redes de abastecemento e coa renovación dos pavimentos previstos no proxecto. O prazo establecido para a execución do conxunto dos traballos será de catro meses desde o seu inicio.

Deja un comentario