Thursday 05 de November de 2026

Carballo e Coristanco avanzan na mellora dos seus equipamentos públicos a través do obradoiro de emprego Lubiáns II


• Os alcaldes dos dous concellos visitaron as obras do palco da música de Coristanco e do horto ecolóxico de Carballo, nas que se está formando o alumnado da especialidade de carpintaría

• O programa conxunto ofrece formación e experiencia laboral a 20 persoas desempregadas e conta cun investimento de 501.552 euros

Os concellos de Carballo e Coristanco continúan a desenvolver o obradoiro dual de emprego Lubiáns II, unha iniciativa de colaboración municipal que combina a formación profesional de persoas desempregadas coa mellora de equipamentos e espazos públicos dos dous municipios.

Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Daniel Pérez e Juan García, visitaron hoxe as obras que está a executar o alumnado da especialidade de carpintería no palco da música da praza de Santa Marta, en Coristanco, e no horto ecolóxico municipal de Carballo. Na visita tamén participaron os concelleiros Enrique Tasende, de Coristanco, e Miguel Vales, de Carballo, ademais de persoal técnico do centro de formación.

O obradoiro conta con 20 alumnos e alumnas que se forman en dúas especialidades: Montaxe e instalación de construcións de madeira, con doce participantes, e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, con oito.

Actuacións nos dous municipios
Na especialidade de carpintaría, o alumnado está a desenvolver diferentes traballos que permiten poñer en práctica os coñecementos adquiridos e contribuír á mellora das instalacións municipais.

En Coristanco, as actuacións inclúen a fabricación e colocación dos elementos da cuberta, o falso teito e os remates do palco da música da praza de Santa Marta, así como a instalación de elementos de carpintaría de madeira nunha pista multideporte que se instalará na mesma praza.

En Carballo, os traballos céntranse na renovación e acondicionamento das dúas construcións existentes no horto ecolóxico municipal. O programa tamén prevé a fabricación e colocación de mobiliario interior no mercado municipal.

Durante a visita, os representantes dos dous concellos comprobaron o avance dos traballos e intercambiaron impresións co persoal técnico e o alumnado sobre o desenvolvemento da formación e as actuacións previstas.

Formación e oportunidades de emprego
A segunda especialidade, Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, permite que as oito alumnas adquiran neste momento experiencia profesional en centros e entidades sociais da comarca, como Aspaber, Íntegro e os centros de día de Carballo e A Laracha, nos que veñen de iniciar as súas prácticas.

O obradoiro Lubiáns II desenvólvese entre o 29 de maio de 2026 e o 28 de febreiro de 2027 e conta cun investimento de 501.552 euros, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Desta cantidade, 47.000 euros destínanse a incentivar a inserción laboral do alumnado, mediante axudas de ata 3.000 euros para as empresas que contraten as persoas participantes e de 1.500 euros para os concellos por cada inserción laboral acadada.

A colaboración entre Carballo e Coristanco permite aproveitar os recursos formativos e desenvolver actuacións de utilidade pública nos dous municipios, ao tempo que se facilita a cualificación profesional de persoas desempregadas e se favorecen as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.

Deja un comentario