Thursday 05 de November de 2026

O Concello de Santiago visibiliza o seu compromiso co pobo palestino, os dereitos humanos e a paz a través da campaña “Compostela con Palestina”


O Concello de Santiago, a través da Unidade Municipal de Atención ás Migracións e en colaboración coa Plataforma Compostela por Palestina, vén de poñer en marcha unha campaña coa que quere visibilizar o compromiso institucional e o apoio da veciñanza compostelá ao pobo palestino. Trátase dunha iniciativa que apela á empatía e á defensa dos dereitos humanos, no mes no que se celebra o Día Internacional en Solidariedade co Pobo Palestino, establecido pola ONU en 1977.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e representantes da Plataforma Compostela por Palestina, presentaron hoxe a campaña, nun acto celebrado ao carón dun dos mupis que están colocados por distintos puntos do termo municipal. A tenenta de alcaldesa lembrou que o Concello de Santiago vén mostrando “o seu apoio inequívoco ás reivindicacións do pobo palestino e denunciando o xenocidio en Gaza”.

Este compromiso, explicou, “traduciuse nos últimos anos en diferentes iniciativas aprobadas no Pleno, pero tamén en actividades que permiten visibilizar a realidade de Palestina e coas que queremos que a situación de Gaza non fique no olvido ainda que cada vez ocupe menos tempo e espazo nos medios de comunicación”.

María Rozas explicou que a campaña “Compostela con Palestina” pretende “fortalecer e reiterar a posición institucional en relación a Palestina, cando se ten cumprido o ano desde que a situación de fora fora recoñecida como xenocidio por parte da Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU”.

Ademais, explicou, esta iniciativa chega en novembro, “cadrando coa conmemoración o próximo día 29 do Día Internacional en Solidariedade co Pobo Palestino, declarado por Nacións Unidas en 1977”. “Que case 50 anos despois teñamos que seguir reivindicando os dereitos do pobo palestino é a maior evidencia da necesidade de campañas coma esta, que apelan ao respecto aos dereitos humanos e á empatía”.

En representación da Plataforma Compostela por Palestina, Miguel Fernández destacou a importancia de “seguir recordando que o xenocidio en Gaza e Cisxordania continúa, e non podemos esquecer, non podemos esquecer Palestina”. No mesmo sentido, Sandra Garrido, da dellegación galega da Global Sumud Flotilla, mostrouse orgullosa de que o Concello de Santiago “visibilice que o xenocidio continúa e reivindique o dereito ao retorno do pobo palestino cun símbolo, o da chave, que é símbolo tamén da esperanza da victoria”.

Catro cores, tres símbolos e un lema

A campaña impulsada dende o Concello bota man dun lema, “Compostela con Palestina”, que apela á defensa dos dereitos humanos e á empatía co pobo palestino con independencia de cuestións ideolóxicas ou relixiosas. A proposta visual está protagonizada por unha chave, como referencia so símbolo que nace da Nakba de 1948, cando máis de 750.000 persoas foron expulsadas polo Estado de Israel dos seus fogares, levando consigo as chaves coas que pecharon as portas das súas casas e que pasaron despois de xeración en xeración converténdose no símbolo colectivo de resistencia e memoria, pero tamén do dereito ao retorno e á terra.

Tamén se incorporaron referencias á oliveira, cultivo tradicional palestino e símbolo da paz, e ao símbolo universal do corazón xunto ás catro cores da bandeira palestina: branco, vermello, verde e negro.
A imaxe poderase ver nas vindeiras semanas en mupis repartidos por toda a cidade, en traseiras de autobuses, e en cartaces que se van distribuir por equipamentos públicos e establecementos comerciais e hostaleiros que desexen colaborar coa iniciativa.

Deja un comentario