Wednesday 04 de November de 2026

O Concello de Fene renovará a iluminación do Parque Castelao con novas torretas e proxectores LED


A actuación permitirá mellorar a visibilidade e as condicións de uso do parque mediante un sistema de iluminación máis eficiente

A instalación en altura busca tamén reducir os danos provocados polos reiterados actos vandálicos e roubos que afectan ás luminarias actuais

O Concello de Fene acometerá unha actuación de renovación da iluminación do Parque Castelao, coa instalación de catro novas torretas equipadas con proxectores LED de alta capacidade luminosa. A intervención permitirá mellorar a visibilidade nas diferentes zonas do recinto e substituír o actual sistema por unha solución máis eficiente, resistente e adaptada ás características deste espazo público.

O proxecto parte dos problemas que presenta actualmente a iluminación do parque, baseada en boa medida en luminarias instaladas a nivel do chan. A súa localización fai que estes elementos estean especialmente expostos a actos vandálicos, danos e roubos, incidencias que se veñen producindo de maneira reiterada e que dificultan manter a instalación en correcto funcionamento.

A solución prevista polo Concello pasa por modificar o propio concepto da iluminación. Fronte aos puntos de luz situados a baixa altura, instalaranse catro torretas con proxectores LED elevados, permitindo ampliar a cobertura luminosa e, ao mesmo tempo, dificultar o acceso aos elementos da instalación.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que “a actuación busca resolver un problema que se vén repetindo no Parque Castelao. As luminarias situadas a nivel do chan son especialmente vulnerables e os danos e roubos acaban afectando á iluminación do conxunto do espazo, polo que consideramos necesario buscar unha solución diferente e máis resistente”.

“Coas novas torretas proxectadas elevamos os puntos de luz, conseguimos unha distribución máis ampla da iluminación e reducimos a exposición dos equipos a posibles danos. Trátase de adaptar a instalación ás necesidades reais que presenta o parque”, sinalou.

Mellor cobertura e maior eficiencia

A incorporación de tecnoloxía LED permitirá contar cunha iluminación máis eficiente e cunha capacidade luminosa adecuada ás dimensións e configuración do Parque Castelao. A disposición das catro torretas estará orientada a conseguir unha cobertura máis homoxénea das diferentes zonas e mellorar a visibilidade durante as horas de menor luz.

A actuación pretende favorecer así unhas mellores condicións de utilización dun espazo público empregado habitualmente para o paseo e o lecer, ao tempo que facilita as tarefas de conservación da propia instalación.

“Nun parque destas características é importante que a iluminación permita utilizar os percorridos e os diferentes espazos en condicións adecuadas. A nova configuración está pensada precisamente para conseguir unha maior cobertura e evitar os puntos débiles que presenta o sistema actual”, explicou o concelleiro de servizos, Adán Chao.

O concelleiro tamén incidiu tamén na importancia de optar por solucións que permitan reducir a reiteración das reparacións. “Cando unha instalación sofre danos de maneira recorrente, non sempre é suficiente con repoñer unha e outra vez os mesmos elementos. Neste caso optouse por cambiar a disposición do sistema para facelo menos accesible e, polo tanto, máis resistente”, apuntou.

Deja un comentario