Wednesday 04 de November de 2026

Máis de mil escolares de 13 centros participarán este venres en Carballo nunha nova edición do Cros Escolar


A zona verde do polígono de Bértoa converterase esta fin de semana nun punto de encontro para o atletismo escolar e popular. O venres 6 de novembro celebrarase a fase zonal de Bergantiños do tradicional Cros Escolar, con 1.015 deportistas inscritos/as de 13 centros de ensino de Carballo e da comarca. A cita está integrada no programa Xogade e organizada polo Concello de Carballo e o Servizo Provincial de Deportes da Coruña da Xunta de Galicia.

As probas comezarán ás 10.30 horas e a xornada prolongarase ata arredor das 12.45 horas, coas carreiras e as entregas de medallas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

A categoría alevín será a máis numerosa, con 464 participantes, seguida da infantil, con 322; a benxamín, con 189, e a cadete, con 40. O programa de carreiras será o seguinte:
Hora Proba Escolares
10.30 Cadete masculina 26
10.45 Cadete feminina 14
11.00 Infantil masculina 181
11.15 Infantil feminina 141
11.30 Alevín masculina 261
11.45 Alevín feminina 203
12.00 Benxamín masculina 103
12.15 Benxamín feminina 86

Nesta edición participará alumnado dos centros A Cristina, Alcalde Xosé Pichel e Bormoio-Agualada, do concello de Coristanco; Caión e Otero Pedrayo, da Laracha; Milladoiro e Urbano Lugrís, de Mapica, e CPR Artai, Bergantiños, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Xesús San Luís Romero, de Carballo.

A convocatoria permitirá compartir unha mañá de deporte ao aire libre, favorecer a convivencia entre escolares de distintos centros e promover a actividade física desde as primeiras idades.

O sábado, primeira edición do cross popular
A programación continuará o sábado 7 de novembro, ás 16.45 horas, coa celebración do I Cross Concello de Carballo, tamén na zona verde do polígono de Bértoa. A proba terá un percorrido de 5 quilómetros e permitirá dar continuidade á práctica do atletismo máis alá das categorías escolares.

As inscricións están abertas ata o mércores 4 de novembro ás 23.59 horas, cun límite de 500 participantes, a través de Champion Chip Norte. A participación é gratuíta para as persoas nadas entre 2009 e 2011, mentres que para as nadas en 2008 e anos anteriores o prezo é de 3 euros.

Os dorsais e os chips poderán recollerse anticipadamente na conserxaría do Complexo Deportivo Vila de Noia, o venres 6 de novembro, de 10.00 a 22.30 horas, e o sábado 7, de 10.00 a 13.00 horas. Tamén estarán dispoñibles na oficina da carreira ata 30 minutos antes da saída. Para retiralos será imprescindible presentar o DNI, a licenza federativa ou outro documento identificativo válido.

Deja un comentario