Wednesday 04 de November de 2026

Gonzalo Muíños reitera a disposición das Non Adscritas para votar a favor da liquidación do autobús se o goberno incorpora os informes reclamados pola Intervención


O portavoz asegura que o seu grupo estaba disposto a apoiar os pagamentos pero que, ao non atender o goberno as súas esixencias, se viu obrigado a optar pola abstención que non foi suficiente co voto en contra do Partido Popular.

Muíños reclama incorporar a valoración técnica que permita atender ás sentenzas do Supremo e advirte de que non van asumir responsabilidades por votar “a cegas”.

 

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reiterou este martes que as concelleiras Non Adscritas ofreceron durante o Pleno celebrado o luns o seu voto favorable ao pagamento das facturas pendentes do transporte urbano, sempre que o Goberno local completase os expedientes cos informes técnicos e xurídicos necesarios. Unha posibilidade que, segundo explica, o executivo de Goretti Sanmartín non atendeu, polo que os non adscritos se viron obrigados a absterse para non bloquear os pagamentos. “Retíreno ou completen o expediente, e terán o noso voto. Pero, repito, con seguridade xurídica. Non así”, advertiu durante o debate plenario.

 

Muíños insiste en que a súa vontade de desbloquear o pagamento segue intacta e que nunca cuestionaron que as empresas que prestan o servizo teñan que cobrar. “Queremos desbloquear o pagamento das facturas do transporte urbano e estamos dispostos a facilitalo e a votar a favor mañá mesmo se fai falta, porque as empresas que prestan o servizo teñen que cobrar”, afirma. O concelleiro subliña que o seu grupo puxo enriba da mesa unha solución para sacar adiante os expedientes, pero que esta pasaba necesariamente por atender as advertencias da Intervención e completar a documentación.

 

A situación, lembra, é especialmente relevante porque os non adscritos xa facilitaran o pagamento das liquidacións do ano anterior, en setembro de 2025, despois de reclamar dous compromisos concretos: incorporar un informe técnico que acreditase que os prezos se axustaban ao mercado e desbloquear a licitación do novo contrato do transporte urbano. “Nós cumprimos a nosa palabra en setembro de 2025”, apunta. Porén, considera que o Goberno local non aproveitou estes meses para resolver as deficiencias que volven aparecer nos expedientes das liquidacións de 2025 con outras novas, como é a afectación das recentes sentenzas do Tribunal Supremo.

 

En concreto, a Intervención Xeral sinala que non consta acreditado expresamente o axuste dos prezos ao mercado e reclama a incorporación dun informe técnico de valoración que permita aplicar a nova xurisprudencia do Tribunal Supremo. Estas establecen que, cando se manteñen prestacións sen contrato, o pagamento debe limitarse ao custo estrito da execución material do servizo, sen incluír os gastos xerais de estrutura nin o beneficio industrial.

 

“Falta o informe técnico que aplique a recente sentenza do Tribunal Supremo, que di con total claridade que, cando un contrato está vencido, só se pode pagar o custo estrito do servizo e hai que descontar os gastos xerais de estrutura e o beneficio industrial”, explica Muíños. Ademais, lembra que a Intervención tamén sinala a falta do informe da asesoría xurídica municipal para valorar a revisión de oficio, seguindo a recomendación do Tribunal de Contas.

 

 

Posible recorrido xudicial

 

O concelleiro lembra que durante o Pleno preguntou directamente á Interventora Xeral e ao secretario municipal polas posibles consecuencias xurídicas e responsabilidades que poderían derivarse para os edís que aprobasen os expedientes sen esa revisión técnica. Muíños lembra que incluso o propio secretario recoñeceu que, sobre as posibles responsabilidades penais ou contables, só podían “elucubrar”. “Non é un capricho político; é unha cuestión de estrita seguridade xurídica. Un goberno serio non pode pedirnos que votemos ás cegas”, sostén.

 

Muíños considera que a situación podería terse evitado se o executivo local atendese as advertencias e incorporase a tempo os informes reclamados. Tamén advirte de que as declaracións do Partido Popular durante o debate evidencian a súa intención de xudicializar o expediente. “Se a alcaldesa quere que o PP a leve ao xulgado, é a súa decisión; pero a nós non nos van arrastrar a iso”, afirma.

 

“Xa sabemos todos como actúa o Partido Popular en Santiago: o que non é quen de gañar nas urnas, intenta gañalo nos xulgados. E traer ao pleno expedientes incompletos coma este o único que fai é darlle munición ao PP para unha eventual estratexia xudicial” recalca Muíños. Por iso, o concelleiro volve reclamarlle á Alcaldesa que complete a tramitación canto antes: “Pedímoslle a Goretti Sanmartín que incorpore eses informes técnicos canto antes: en canto o expediente estea completo e con todas as garantías legais, terá o noso voto para desbloquealo”

Deja un comentario