Monday 02 de November de 2026

O PSdeG denuncia que a Xunta de Rueda deixa dous alumnos do CEE da Barcia sen poder ir ás clases por falta de transporte adaptado


Aitor Bouza cualifica de “absolutamente dramática” a situación e anuncia que levará o caso de maneira inmediata ao Parlamento de Galicia para esixir solucións á Xunta de Rueda.

As e os socialistas reclaman tamén a reorganización das rutas e dos horarios do transporte escolar, que están provocando atrasos e a perda de sesións educativas e terapéuticas.

Bouza esixe atender a demanda da comunidade educativa de establecer un horario de 9:00 a 14:00 horas, adaptando o transporte ás necesidades do alumnado e non ao revés.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou que dous alumnos do Centro de Educación Especial da Barcia levan todo o curso escolar sen poder acudir ás clases debido á falta de vehículos de transporte adaptados ás súas necesidades de mobilidade, accesibilidade e seguridade. Unha situación que se coñeceu tras a celebración do Consello Escolar do centro e que os socialistas levarán de maneira inmediata ao Parlamento de Galicia para reclamar solucións á Xunta.

Bouza cualificou de “absolutamente dramática” a situación destes dous alumnos, que continúan sen poder acceder ao seu centro educativo porque os vehículos encargados do seu traslado non reúnen as condicións necesarias. Neste sentido, anunciou que o PSdeG levará esta problemática “de maneira inmediata ao Parlamento” para esixirlle á Xunta de Rueda que poña “unha solución inmediata” e adopte todas as medidas precisas para garantir un servizo de transporte escolar adaptado ás necesidades dos dous estudantes.

O deputado socialista advertiu de que as deficiencias do transporte escolar non se limitan a estes dous casos, senón que tamén afectan ao funcionamento diario do centro. Por iso, reclamou á Xunta que “revise e reorganice as rutas e os horarios do transporte escolar” para garantir que todo o alumnado poida chegar puntualmente antes do inicio da actividade lectiva e das intervencións educativas e terapéuticas programadas, xa que os atrasos están a provocar a perda de sesións fundamentais para a súa atención educativa.

Ademais, Bouza trasladou o apoio dos socialistas ás demandas aprobadas polo Consello Escolar e reclamou que se adopten as medidas organizativas necesarias para establecer o horario solicitado polo centro, de 9:00 a 14:00 horas. O obxectivo, explicou, é adaptar “a prestación dese transporte escolar ás necesidades educativas e non ao revés”, rexeitando que sexa o propio centro quen teña que modificar o seu funcionamento para axustarse ás limitacións do servizo.

Finalmente, o secretario xeral dos socialistas composteláns considerou “intolerable” esta situación e insistiu en que a Xunta de Rueda debe “escoitar a comunidade educativa e as súas demandas”, que o PSdeG trasladará ao Parlamento de Galicia para reclamar unha resposta ás necesidades do alumnado do centro.

Deja un comentario