Monday 02 de November de 2026

O BNG de Padrón denuncia a actitude arrogante dun goberno en minoría que pretende gobernar a golpe de imposición e descualificacións persoais.


A formación nacionalista esixe ao alcalde que abandone o autoritarismo nos plenos e a falta de diálogo previa para asumir a realidade dun concello que require xestión, talante e respecto democrático.

O BNG de Padrón quere manifestar a súa profunda preocupación pola deriva autoritaria e a falta de capacidade de diálogo que vén amosando o goberno local encabezado polo PSOE. Dende a formación soberanista lembran que o executivo municipal actúa de xeito constante como se contase cunha maioría absoluta da que carece, amosando unha incapacidade manifesta para asumir a realidade matemática e democrática xurdida das urnas.

Non é a primeira vez que o goberno municipal traslada propostas ao pleno sen ter establecido ningún tipo de contacto nin negociación previa cos grupos políticos. Pretender que a corporación ratifique decisións tomadas de maneira unilateral, para despois recorrer á queixa e á vitimización cando estas non prosperan, evidencia unha profunda irresponsabilidade e unha falla de vocación de acordo. O BNG non vai aceptar que se pretenda culpar á oposición da propia falta de traballo e de capacidade de xestión do executivo.

Así mesmo, dende o BNG denúnciase a baixeza moral á que recorre o alcalde ao empregar como arma política a situación laboral da voceira nacionalista, Bea Rei, quen é persoal laboral fixo da estrutura organizativa do BNG, un posto no que se atopa pola súa valía, pola súa formación e pola súa capacidade de traballo.

Empregar este tipo de descualificacións persoais e demagóxicas, ademais de amosar unha evidente falla de argumentos políticos, revela unha calidade ética moi distante da que se lle presupón a quen preside unha institución pública.

A formación nacionalista sinala que esta falta de respecto persoal reflicte a actitude xeral do rexedor, que nas sesións plenarias adopta un comportamento chulesco, arrogante e abertamente antidemocrático. A praxe habitual de retirar a quenda de palabra aos concelleiros da oposición en canto se escoitan intervencións ou críticas que non son do seu agrado é unha mostra inaceptable de falta de talante. Para o BNG, este estilo autoritario e a imposición permanente só buscan agochar a incapacidade real do goberno para dirixir Padrón e para ofrecer solucións aos problemas da veciñanza.

Malia a esta situación, o BNG reafirma que segue aberto a sacar adiante todas aquelas medidas e iniciativas que sexan beneficiosas para Padrón e mantén a man tendida. Con todo, deixan claro que se o PSOE quere contar co apoio do BNG nesta ou noutras cuestións, ten que abandonar a soberbia e sentar a negociar previa e lealmente.

Deja un comentario