Neda vivirá este sábado, entre as 19 e as 21 horas, unha dobre cita de lecer, coa celebración do tradicional magosto veciñal e coa nova entrega da Senda das ánimas pola rúa Real, un evento destinado ao público infantil e xuvenil que volve actualizado. Esta última iniciativa, que mantén aberto o prazo de inscrición na biblioteca municipal ata última hora deste venres, suma xa máis de 400 persoas inscritas.
O percorrido de terror, que contará como outros anos con escenas teatralizadas, incorpora desta volta unha serie de probas, a modo de xincana, que os participantes deberán superar para poder avanzar no itinerario pola céntrica rúa. Unha vía que lucirá para a ocasión unha decoración ben especial.
Atravesar de principio o percorrido, que incluirá un túnel do terror, converterase en toda unha aventura tanto para os nenos de Neda e doutros puntos da comarca, acompañados por adultos, como para a mocidade. Por motivos de seguridade, e para garantir que os participantes poidan desfrutar sen aglomeracións da experiencia, haberá unha vintena longa de pases consecutivos cun máximo de 20 persoas cada quenda
Restricións tráfico
Co fin de facilitar a montaxe e o correcto desenvolvemento da actividade, o Concello de Neda prohibirá o circulación rodada e o estacionamento no tramo da rúa Real comprendido entre a confluencia coa rúa do Castro e a travesía de Sobre a vila, xunto ao Concello. As restricións para a circulación rodada estenderanse de 18:00 a 22:00 horas ao tramo inmediato á Casa Consistorial e máis á rúa Sobre a Vila.
Magosto
En paralelo, o Concello de Neda organiza tamén o habitual magosto, unha proposta aberta ao conxunto da veciñanza, que terá lugar na Casa das palmeiras e a súa contorna. Unha cita, aberta ao conxunto da veciñanza, para desgustar as imprescindibles castañas asadas e os saborosos boliños preñados da localidade, que contará con animación musical.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.