O Concello de Oleiros volve co programa «Coñecerse é vivirse», orientado a crear espazos de encontro, reflexión e aprendizaxe arredor do coñecemento do corpo e da saúde das mulleres desde unha perspectiva integral. Nesta ocasión organízase a actividade denominada Corpo en xogo, un taller de expresión corporal, desinhibición e masculinidades dirixido a homes dentro do programa municipal Coñecerse é vivirse.
O Concello de Oleiros incorpora ao programa «Coñecerse é vivirse» unha actividade dirixida a homes a partir de 16 anos: «Corpo en xogo», un taller de dúas horas que propón explorar o movemento, o xogo e a expresión corporal para coñecerse mellor e descubrir outras formas de relacionarse.
A proposta, enmarcada na programación do 25N, desenvolverase nun ambiente dinámico e distendido, con exercicios de improvisación e traballo en grupo. Está pensada para homes de diferentes idades (a partir dos 16 anos), corpos e capacidades, con ou sen experiencia previa en teatro ou expresión corporal.
A través da práctica, os participantes poderán explorar como expresan o que senten, como ocupan o espazo e que expectativas inflúen na súa maneira de comportarse e relacionarse. O obradoiro traballará o recoñecemento dos límites propios e alleos, o consentimento e o coidado mutuo, promovendo relacións baseadas no bo trato e na igualdade.
Con esta actividade, «Coñecerse é vivirse» convida os homes a implicarse no autocoñecemento e no coidado das súas relacións desde unha experiencia compartida.
O encontro celebrarase o 19 de novembro, de 19:00h a 21:00, no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo. Para participar recoméndase levar roupa cómoda e auga.
A inscrición poderá realizarse do 3 de novembro ás 9:00h ao 13 de novembro á mesma hora, a través da páxina web municipal, no apartado Participa, na sección Actividades sociais.
Para máis información, podedes contactar coa área de Igualdade do Concello de Oleiros no 981 610 000 (Ext. 3503), no 604 025 160, ou nos correos electrónicos igualdade@oleiros.org e igualdadeoleiros@gmail.com




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.