O Concello de Carballo segue a apostar pola mellora das instalacións deportivas municippais como parte do seu compromiso coa promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables, facilitando á veciñanza espazos de calidade tanto para a competición como para a práctica libre.
Nestes momentos están en marcha actuacións que superan os 400.000 euros. A renovación da pista polideportiva da Milagrosa e do campo de fútbol das Pedreiras, xa rematadas, a próxima mellora da zona de atletismo do Chorís e dun total de nove pistas multideporte en distintas parroquias, así comoa a contratación do mantemento especializado dos oito campos de fútbol municipais forman parte deste programa.
O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, visitaron a pista da praza da Milagrosa, que reabrirá en breve, e tamén o campo das Pedreiras, en Verdillo, onde estiveron acompañados polo presidente da SD San Lorenzo, Daniel Padín. Todos valoraron de xeito moi positivo as melloras realizadas e coincidiron na necesidade e no compromiso de continuar mellorando a instalación de Verdillo.
“Queremos que a veciñanza teña a oportunidade de practicar deporte preto da casa. Mellorar estas instalacións é apoiar os clubs e a competición, pero tamén ofrecer espazos de calidade para que calquera persoa poida facer exercicio e gozar do seu tempo libre”, sinalou o alcalde, Daniel Pérez.
Un deseño vinculado ao barrio
A renovación integral da pista da praza da Milagrosa, cun orzamento de 44.168,51 euros, permitiu recuperar unha superficie que presentaba un importante deterioro polo uso continuado. A intervención incluíu o saneamento e a regularización do soporte, a aplicación dun pavimento deportivo multicapa e a renovación das liñas de xogo, ademais da mellora das condicións de evacuación da auga.
A pista, utilizada fundamentalmente para a práctica recreativa de fútbol sala, incorpora un deseño xeométrico e multicolor inspirado nas tradicionais alfombras florais da Milagrosa. A combinación de verdes, azuis, amarelos e laranxas reforza a vinculación da instalación coa identidade do barrio e cunha tradición que tamén utiliza este espazo durante as festas.
Melloras nas Pedreiras e conservación dos campos de fútbol
No campo das Pedreiras, na parroquia de Verdillo, remataron tamén os traballos dun proxecto cun orzamento de licitación de 61.412,72 euros. A actuación abarcou melloras na soleira e na rampla entre as bancadas e a billeteira, nas propias bancadas, nos vestiarios, no equipamento e na iluminación, co obxectivo de ofrecer mellores condicións para os deportistas e o público.
Estas obras compleméntanse co novo servizo de mantemento especializado dos oito campos de fútbol municipais, tanto de céspede artificial coma natural, que vén de ser adxudicado ás empresas Medulio Servicios y Obras e Jardinería Arce. O orzamento para os dous primeiros anos ascende a 58.615,43 euros para os campos de céspede artificial do Carral, en Sofán, e os tres das Eiroas, e a 81.371,90 euros para os de herba natural das Pedreiras, Cances, Razo e Baldaio.
O servizo adapta os traballos ás necesidades de cada superficie. Nos campos de herba artificial inclúe limpeza, cepillado, descompactación, pequenas reparacións e revisión da rega e da drenaxe. Nos de herba natural abrangue segas, fertilización, aireado, escarificado, recebado, resembra e control fitosanitario, coas frecuencias previstas para cada instalación.
Atletismo no Chorís
A mellora das pistas deportivas do Chorís, cun orzamento de licitación de 151.108,56 euros e un prazo de execución de tres meses, conta xa con proposta de adxudicación. O proxecto permitirá renovar o pavimento do anel de atletismo e acondicionar zonas para salto de lonxitude, altura e pértega, ademais dun espazo específico para lanzamento de peso.
A actuación incorpora un pavimento sintético multicapa para exteriores e a marcaxe das disciplinas conforme á normativa deportiva. Dará servizo tanto aos atletas federados como aos centros educativos da contorna e á veciñanza que utiliza as instalacións para facer exercicio.
“Traballamos para atender as necesidades de deportes diferentes e de persoas con formas moi distintas de practicalos: desde quen adestra e compite nun club ata quen utiliza unha pista de maneira libre. A renovación debe ir acompañada dun mantemento continuado, e o noso compromiso é seguir actuando nesta e noutras instalacións nos próximos meses”, destacou o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro.
Continuidade nas pistas dos barrios e das parroquias
As intervencións dan continuidade ao plan de renovación do equipamento das pistas polideportivas municipais. O ano pasado realizáronse melloras nas pistas polideportivas de Ardaña, Cances, O Chorís, o CEIP Bergantiños, Outón-Rus e Os Vilares-Sísamo.
A Concellaría de Deportes dará continuidade ao programa nos próximos meses con novas actuacións nas pistas de Mirón-Bértoa, centro social de Verdillo, Artes, A Brea, escola de Cances, Oza, Imende-Noicela, O Chorís e San Cristovo. O obxectivo é seguir mellorando os espazos deportivos de proximidade, tanto nos barrios coma nas parroquias, para facilitar a práctica libre e ofrecer á veciñanza instalacións en boas condicións para o deporte e o lecer.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.