Thursday 29 de October de 2026

BNG esixe á Xunta arranxos e limpeza das gabias na estrada AC-441, que une Santa Comba e Mazaricos


O BNG, da man da deputada e do deputado no Parlamento de Galiza Saleta Chao e Luís Bará, vén de rexistrar unha batería de propostas esixindo a mellora urxente da seguridade viaria na AC-411, en liña coas reclamacións da veciñanza da parroquia da Pereira, especialmente no treito que vai do quilómetro 0 ao quilómetro 2. Dita estrada leva anos presentando eivas en canto á drenaxe de augas, con asolagamentos constantes cada vez que chove, provocando dificultade no tránsito, problemas para a veciñanza como inundacións en propiedades privadas, e até accidentes viarios, tal e como explicou a propia veciñanza nunha reunión con Saleta Chao e Xoán David Sixto, portavoz municipal do BNG de Santa Comba, que se achegaron para comprobar in situ a situación. “Unha situación que leva anos producíndose sen que nin Xunta nin Concello asuman as súas responsabilidades”, explica Sixto, “tal e como se aprecia nas reclamacións que as veciñas e os veciños xa dirixiron a ambas administracións e incluso á Valedora do Pobo”.

Do mesmo xeito, Sixto destaca que “debido a que se trata dunha estrada con pendente, a auga baixa e remata por acumularse na parte baixa da estrada, onde sería necesaria a limpeza da gabia e máis un canal soterrado para axudar no paso da auga e na drenaxe correcta”. De feito, esta acumulación xa provocou dúas saídas de vía no inicio do inverno de 2024 por aquaplanning, “e desde 2024 aínda agardamos por arranxos que non chegan”, destacou o portavoz nacionalista, que tamén sinala que existen sumidoiros obstruídos con cemento. A isto súmanse situacións como o exceso de velocidade (a estrada ten un límite a 90km/h malia estar dentro de núcleo poboado), que chegaron a provocar dous falecementos por atropelo nos últimos dez anos.

Por todo isto, como apuntou a deputada Saleta Chao, “é necesario realizar un traballo urxente de mantemento para unha correcta recondución de canles de augas en regatos e mananciais”, sinalando que debería “ir na dirección do río, que está a soamente uns 500 metros desde a estrada”. Unha situación, en resumo, que pon en perigo tanto ás persoas usuarias da vía como á veciñanza, e que o BNG reclama para que tanto Xunta como Concello asuman as súas responsabilidades en beneficio de Santa Comba e das persoas que empregan o seu coche por esta AC-441.

Deja un comentario