Thursday 29 de October de 2026

O PP saca adiante a moción para frear a reversión da Garrocha e Monte Costa e forza a Rioboo a rectificar


• O alcalde apoia retirar a solicitude de devolución dos terreos á Deputación que o seu propio goberno promoveu en xaneiro, sen intervir no debate nin explicar o seu cambio de postura

• Izaskun García: “Rioboo votou en contra da súa propia decisión. Agora ten que cumprir coa súa firma o que onte apoiou co seu voto

O PP de Culleredo, encabezado polo seu portavoz, Izaskun García, logrou onte a aprobación por unanimidade no pleno da súa moción para frear a reversión da cesión de uso dos terreos da Garrocha e Monte Costa e garantir que ambos os espazos sigan ao dispor do concello. A iniciativa popular obrigou ao alcalde, José Ramón Rioboo, a apoiar a retirada dunha solicitude que o seu propio goberno presentara ante a Deputación o pasado 28 de xaneiro.

A votación deixou en evidencia a contradición da súa propia xestión: Rioboo apoiou onte paralizar o procedemento que el mesmo promovera e fíxoo sen intervir no debate nin ofrecer unha soa explicación sobre o seu cambio de postura. “O alcalde votou en contra da súa propia decisión. O mínimo que merecen os veciños de Culleredo é saber por que quixo renunciar a uns terreos cuxo uso municipal está garantido ata 2042 e por que agora acepta dar marcha atrás”, sinala Izaskun García.

O acordo do pleno reclama comunicar de inmediato esta decisión á Deputación e tramitar a desistencia da solicitude municipal. Tamén esixe a entrega nun prazo de cinco días hábiles do expediente completo e do estudo de viabilidade, así como información sobre as comunicacións coa Deputación e as respostas recibidas. “O voto favorable do alcalde ten consecuencias: agora debe actuar. Non basta con apoiar a nosa moción para dar o asunto por pechado. Queremos os documentos que acrediten que se retirou a solicitude e que o Concello conserva o seu dereito sobre estes terreos”, advirte García.

O PP defende unha proposta realista para recuperar A Garrocha como espazo deportivo e social, elaborada da man das entidades deportivas do municipio. “Mentres Rioboo encadea anuncios sen orzamento nin calendario, nós traballamos cos clubs nunha alternativa viable que responda as súas necesidades reais”, destaca a portavoz popular. “Conseguimos que o pleno peche a porta a unha renuncia inxustificada.

Agora toca garantir que o alcalde cumpra e que estes espazos teñan o futuro que merecen. Nós temos clara a nosa prioridade: recuperar oportunidades para o deporte, os clubs e os veciños de Culleredo”, engade.

Deja un comentario