O concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, acompañado do xefe de Servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, e do arquitecto José Ignacio López de Rego Uriarte, presentou esta mañá o proxecto de rehabilitación do Palacete do Espiño que inclúe a recuperación da volumetría orixinal, diferenciando os materiais orixinais dos materiais engadidos, e espazos interiores diáfanos para diferentes usos.
Xesús Domínguez explicou que o obxectivo principal deste proxecto de rehabilitación é que Santiago gañe un espazo polivalente, que se sumará a outros equipamentos similares, como por exemplo a Casa das Máquinas. Así, o Palacete do Espiño pasará a ter un uso público, para o que se prevé un investimento de preto de 1.200.000 euros.
O proxecto de rehabilitación redactado por José Ignacio López de Rego Uriarte, neto do arquitecto que deseñou o edificio, contempla a consolidación da estrutura exterior, mantendo o volume orixinal, pero diferenciando os materiais existentes dos materiais engadidos. Inclúe a recuperación da cuberta a dúas augas na capela e na nave principal, así como as terrazas planas das cubertas. Tamén está previsto un exhaustivo recoñecemento de todos os elementos patrimoniais do palacete e das súas patoloxías, como por exemplo as gárgolas e os esgrafiados.
No interior, deséñanse espazos abertos e flexibles, que se articulan en torno a un núcleo central que contén as instalacións necesarias para o uso público (aseos, almacéns e o núcleo de comunicacións, incluídas as escaleiras para acceder ás terrazas das cubertas), deixando tres espazos diferenciados e flexibles para o uso público. O espazo da nave principal terá dobre altura, de xeito que poida funcionar como un escenario, mentres que a capela se recupera como un espazo independente.
Xesús Domínguez asegurou que este proxecto de rehabilitación “é realista e conservará o valor histórico e ambiental” do edifico e do lugar onde se asenta. Neste sentido, puxo o foco na contorna, a carón do parque de Galeras, nun espazo que forma parte do anel verde exterior que rodea Compostela e ligado ao sistema fluvial dos ríos Sar e Sarela, de xeito que se sitúa nunha área con significativos valores ambientais.
O concelleiro de Vías e Obras tamén lembrou que o Concello promoveu a modificación do planeamento para preservar o espazo no seu conxunto “como peza moi importante do sistema de espazos libres e zonas verdes de Compostela vinculada ao río Sarela”, e que grazas a esa modificación, aprobada en 2025, se suprimiu o aproveitamento lucrativo no Espiño, eliminando, o volume edificable e os usos privados previstos na ordenación anterior. “Garantimos así que será un espazo verde e libre para todas as persoas, un espazo que forma a paisaxe da Cidade Histórica e, ao mesmo tempo, ofrece unhas vistas privilexiadas da catedral de Santiago” sinalou Xesús Domínguez.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.