Thursday 29 de October de 2026

O bus de doazón de sangue volve a Neda este sábado


Neda recibirá este sábado, 31 de outubro, pola mañá unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. A visita permitirá que a veciñanza poida, unha vez máis, doar sangue sen ter que saír do municipio. Dende o Concello faise unha chamada á solidariedade, lembrando que cada día precísanse en Galicia 400 doazóns para facer fronte a urxencias, operacións e tratamentos.
O bus de ADOS situarase, como sempre, diante da Casa da Cultura en horario matinal, de 10 a 15 horas. En xeral, poden doar sangue persoas maiores de 18 anos (e ata 70 anos), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

No marco da campaña “Un alento de vida”, a administración local e ADOS fan un chamamento a acudir a doar, co fin de incrementar progresivamente a participación cidadá. Cómpre recordar que, segundo os datos publicados pola Consellería de Sanidade, Neda rexistrou o pasado ano unha taxa de 19 doazóns por cada 1.000 habitantes/ano, por debaixo da media galega.
Recórdase ademais a posibilidade de aproveitar a visita a unidade móbil- a cuarta deste ano- para rexistrarse como doantes de medula ósea, un xesto altruísta e anónimo que pode dar unha segunda oportunidade a pacientes de leucemia, linfomas ou outros cancros hematolóxicos.

Deja un comentario