Sandra Permuy mantivo un encontro co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e coa deputada Cristina García para informar da situación da infraestrutura que abastece a varios concellos da comarca
O Concello considera prioritario reparar as perdas na rede e reclama a implicación das administracións competentes antes de establecer calquera reparto do custo da actuación
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, mantivo unha xuntanza co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e coa deputada de Plans Provinciais, Cristina García, para trasladarlles a situación do sistema de abastecemento de auga da comarca e, en particular, a problemática existente na condución da Ponte das Pías.
O encontro prodúcese nun contexto marcado pola situación de seca deste ano e polo descenso das reservas do encoro das Forcadas, do que depende o abastecemento de Fene e doutros municipios da comarca. A menor dispoñibilidade de recursos hídricos volve poñer o foco sobre o estado das infraestruturas de distribución e sobre a necesidade de reducir as perdas existentes na rede.
Un dos principais puntos de preocupación atópase na condución da Ponte das Pías, unha infraestrutura afectada polo paso do tempo e na que existe unha fuga pola que se estima unha perda diaria de arredor de 1.000 metros cúbicos de auga.
A alcaldesa trasladou aos representantes provinciais a información da que dispón o Concello de Fene e a necesidade de abordar esta situación desde a coordinación institucional e con criterios técnicos, especialmente nun momento no que resulta fundamental evitar perdas innecesarias de auga.
“Nun escenario de escaseza como o actual, unha perda desta magnitude é unha cuestión que debe preocuparnos a todas as administracións. O primeiro debe ser actuar sobre a infraestrutura, reducir as fugas e garantir un sistema de abastecemento seguro e eficiente para a cidadanía”, afirmou Sandra Permuy.
Fene pide claridade sobre as responsabilidades
O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol abordou nas últimas semanas a posibilidade de acometer a reparación da infraestrutura mediante unha fórmula de financiamento na que participarían Augas de Galiza, os concellos e a Deputación da Coruña.
Ante esta proposta, a alcaldesa considerou necesario trasladar directamente a situación á institución provincial. O Concello de Fene sinala que non se pode dar por feita a participación económica dunha administración sen que exista previamente unha interlocución e unha análise das condicións da actuación.
Permuy defende ademais que calquera proposta debe partir dunha delimitación clara das competencias e responsabilidades sobre a infraestrutura. A condución é de titularidade do Concello de Ferrol, polo que desde Fene consideran que esta circunstancia debe ser tida en conta á hora de determinar quen debe acometer e financiar as actuacións necesarias para a súa conservación.
“Fene está disposto a falar e a colaborar na procura de solucións porque estamos ante unha infraestrutura esencial para a comarca, pero debemos facelo con rigor. Antes de falar de repartir custos hai que determinar con claridade a titularidade, as obrigas de conservación e as responsabilidades de cada administración e da empresa encargada da xestión”, sinalou a alcaldesa.
Permuy incidiu en que “a preocupación da veciñanza polo abastecemento é perfectamente comprensible, máis aínda coa situación actual das reservas, e precisamente por iso debemos ofrecer información clara e solucións fundamentadas, evitando trasladar responsabilidades sen que exista previamente un acordo entre as administracións implicadas”.
Reclamación a Augas de Galiza
O Concello de Fene reclama tamén unha maior implicación de Augas de Galiza nas necesidades relacionadas co ciclo da auga no municipio.
Desde o Goberno municipal lembran que a veciñanza aboa o correspondente canon da auga, un tributo autonómico de carácter finalista cuxa recadación está destinada a programas relacionados, entre outras cuestións, co abastecemento, o saneamento, a depuración e a protección e xestión do medio hídrico.
Neste sentido, Sandra Permuy sinalou que “desde Fene levamos tempo trasladando necesidades relacionadas co ciclo da auga e entendemos que é razoable reclamar unha maior implicación de Augas de Galiza nas actuacións que afectan ao noso municipio”.
“Se existe un canon especificamente vinculado á política da auga, é lóxico que reclamemos que esa recadación se traduza tamén en investimentos que permitan mellorar as infraestruturas e afrontar os problemas existentes”, apuntou.
Cooperación para garantir o abastecemento
Na reunión coa Deputación, a alcaldesa compartiu a preocupación pola situación actual e trasladou a necesidade de que calquera solución se articule desde a cooperación, a información entre administracións e o respecto ás competencias e responsabilidades de cada unha.
O Concello considera que o contexto de seca fai aínda máis necesario actuar sobre as perdas existentes e planificar as melloras que precise o sistema de abastecemento, pero entende que estas decisións deben adoptarse sobre unha base técnica e administrativa clara.
“O abastecemento de auga é un servizo esencial e require planificación a longo prazo. A prioridade debe ser garantir o recurso, conservar correctamente as infraestruturas e evitar perdas. Desde Fene seguiremos participando nos espazos de coordinación necesarios, defendendo ao mesmo tempo que cada administración asuma as responsabilidades que lle correspondan”, concluíu Sandra Permuy.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.