Thursday 29 de October de 2026

Néstor Rego anima a dar “máis forza ao BNG para incidir nas políticas de vivenda pública na Galiza”


O BNG porá o centro nas políticas de vivenda e exixirá medidas efectivas para garantir o acceso de todas as persoas a unha vivenda digna, a comezar pola transferencia das vivendas da SAREB na Galiza.

Néstor Rego criticou que a vivenda “aparecese na axenda do Goberno a última hora” cando debeu ser unha prioridade desde o primeiro momento.

O cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, participou este serán nun acto en Boiro organizado polo BNG centrado na crise da vivenda, xunto con Raquel Suárez, portavoz municipal e André López, voceiro da Plataforma Vivenda Xa!. Neste encontro, o deputado Néstor Rego, apelou a dar “máis forza ao BNG para garantir políticas efectivas en vivenda e para que a Galiza conte cun parque público de vivenda a prezos sociais”.

Neste sentido, explicou o labor desenvolvido polo BNG ao longo de toda a lexislatura en materia de vivenda. “O BNG tivo presente desde o primeiro momento que as políticas de vivenda eran fulcrais, non a última hora como outros, pois somos conscientes de que a vivenda é a principal preocupación dos galegos e das galegas” declarou Néstor Rego. “Advertimos ao Goberno do Estado en numerosas ocasións sobre a necesidade de impulsar políticas activas en vivenda desde as competencias que lle corresponden, a comezar pola posta a disposición das miles de inmóbeis en condicións de ser habitados, que están en mans da SAREB, o Ministerio de Defensa ou outras entidades estatais, e transferilos á Xunta para contribuír á creación dun parque público de vivenda e para o aluguer social”.

Engadiu que “reclamamos moitas veces no Congreso políticas para prohibir de forma permanente os desafiuzamentos de persoas vulnerábeis, topar os alugueiros e as hipotecas e impulsar vivenda pública. Políticas para garantir o dereito á vivenda e acabar coa especulación e o negocio”. Medidas que, de pórse en marcha, permitirían paliar a carestía da vida actual, en que asumir un aluguer resulta imposíbel para as clases traballadoras ou a mocidade”. Porén, lembrou que as competencias en vivenda son da Xunta e criticou “a súa pasividade e inacción que despois de anunciar 8.000 vivendas para esta lexislatura, só entregou 98”.

Así mesmo, no referente ás zonas tensionadas, única medida da Lei de Vivenda do Estado que funcionou minimamente, acusou á Xunta de “boicotear a declaración de zonas tensionadas na Galiza pondo constantes paus nas rodas e pretendendo por riba apropiarse dos fondos estatais que corresponden a Santiago de Compostela e A Coruña, as únicas declaradas zonas tensionadas”.

Finalizou apelando a dar máis forza “e capacidade ao BNG para incidir activamente nas políticas sociais, na vivenda e lograr a xestión na Galiza de todas as propiedades e vivendas en mans da Sareb e doutros organismos públicos para poder implantar un parque de vivenda pública galega”.

Deja un comentario