Thursday 29 de October de 2026

O Concello promove outras 80 novas vivendas protexidas en Oleiros e Mera


O Goberno municipal leva promovidos nos últimos 3 anos 296 pisos de protección por todo o municipio. As próximas promocións serán en Oleiros e Mera, nas novas urbanizacións que están en desenvolvemento neste momento, e crearanse un total de 80 novas vivendas.

Nos primeiros meses do ano 2027, o Concello abrirá unha convocatoria pública para que todas as persoas interesadas poidan inscribirse e participar no proceso. O sistema será mediante a constitución dunha cooperativa, cos prezos de venda fixados pola Xunta. Neste momento entrou en vigor unha nova liña de axudas segundo a que o Estado concederá préstamos ao 0% de xuros para o pago da entrada, principal impedimento para que moitas persoas puidesen adquirir estas vivendas.

Os concellos non dispoñen de competencias para intervir sobre o mercado da vivenda. A administración con capacidade legal de intervención é o Estado, que tamén ten transferidas algunhas competencias ás comunidades autónomas.
A grave crise actual existente en España está orixinada por múltiples factores: a falta de regulación, normas e leis, que benefician a especulación e a avaricia desmedida de grandes empresas e fondos; a escasa construción de vivenda pública; a proliferación de pisos turísticos; ou o forte incremento dos prezos dos materiais de construción dos últimos anos debido aos vaivéns internacionais provocados polas guerras imperialistas.

A solución? Non hai solucións máxicas nin inmediatas, pero están na man do Goberno central e do Congreso; e secundariamente nos Gobernos autonómicos. En ningún caso, en contra do que algúns demagogos vociferan, os concellos teñen capacidade para resolver o problema.

A responsabilidade municipal limítase a planificar o territorio e desenvolvelo. Non pode haber vivendas se non existe o solo para construílas. É o que se fixo en Oleiros mediante a aprobación de 3 plans xerais de urbanismo, que estableceron un modelo residencial de baixa densidade, que posibilitou a construción de vivendas libres e protexidas, primando sempre o crecemento ordenado e a creación de espazos e infraestruturas públicas. Foi así como desde 1992 se construíron 1.286 pisos de protección en Oleiros; incluíndo os 296 actualmente en construción ou de inicio inminente.

VIVENDAS EN CONSTRUCIÓN OU XESTIÓN ACTUALMENTE

PERILLO – 21 (rúa Dona Emilia)
DORNEDA – 96 (Xaz)
MERA – 28 (rúa Eduardo Galeano)
OLEIROS – 20 (A Rabadeira)
PERILLO– 15 (O Paraíso)*
MONTROVE – 36 (Icaria)*
OLEIROS – 22 (A Pezoca)
MERA – 15 (Pinar do Río)
MERA – 28 (Pinar do Río)
MERA – 15 (rúa Eduardo Galeano)

*Iniciativa privada

TOTAL – 296

Deja un comentario