• As Non Adscritas acusan ao goberno de Sanmartín de incumprir o regulamento do Foro de Turismo Sustentable ao non constituír o grupo de traballo específico para o Ano Santo.
• Muíños alerta da falta de planificación en seguridade, limpeza, mobilidade e mantemento, e reclama transparencia sobre o destino dos recursos da taxa turística e o financiamento de servizos.
O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños interpelará este xoves á concelleira de Turismo, Míriam Louzao, no Pleno ordinario de outubro para esixir explicacións sobre a planificación do Concello ante o Xacobeo 2027. A dous meses da apertura da Porta Santa, Muíños denuncia a ausencia dunha estratexia municipal definida e reclama un calendario de actuacións, compromisos financeiros e medidas concretas para preparar a cidade para o Ano Santo.
“Estamos a finais de outubro e a pregunta que se fai calquera veciño, comerciante, hostaleiro ou axente cultural é moi sinxela: onde está o Goberno de Santiago? Cal é o plan do Concello para o Xacobeo 2027?”, cuestiona. Para o concelleiro, a situación responde a unha “parálise por desinterese” que pode relegar Compostela ao papel de escenario e receptora de visitantes mentres a Xunta concentra as decisións sobre a promoción e os recursos vinculados ao Ano Santo.
Muíños lembra que en febreiro as Non Adscritas xa advertiran deste risco e propuxeran crear unha Comisión Especial municipal para que Santiago liderase a organización do Xacobeo coa participación do sector turístico, o comercio, as asociacións profesionais da cultura e do ocio e o movemento veciñal. A proposta non saíu adiante, xa que o goberno local defendeu que esa función podía asumila o Foro de Turismo Sustentable vinculado á taxa turística.
Tres meses desde a constitución do Foro e sen grupo de traballo para o Xacobeo
O concelleiro lembra que a taxa turística entrou en vigor o 1 de outubro de 2025 e que o regulamento do Foro de Turismo Sustentable chegou ao pleno en abril de 2026, unha vez esgotado o prazo legal de seis meses. Muíños sinala que as Non Adscritas apoiaron o regulamento tras conseguir incorporar tres cuestións: reforzar a presenza das asociacións veciñais das zonas máis afectadas pola presión turística, incluír persoal técnico de Servizos Básicos e establecer a obriga de constituír un grupo de traballo específico para cada Ano Santo.
Porén, segundo denuncia, o Foro non se constituíu ata o 29 de xullo e, desde aquela, non volveu reunirse nin se creou o grupo de traballo do Xacobeo 2027, malia que o regulamento recolle expresamente esta obriga.
“Están incumprindo o seu propio regulamento a dous meses de que comece o Ano Santo”, afirma Muíños, que contrapón esta inacción á activación do Consejo Jacobeo polo Estado e á posta en marcha da Comisión Organizadora por parte da Xunta. Ao seu xuízo, Santiago está a renunciar a exercer o liderado que lle corresponde como capital do Camiño e cidade que dá sentido á celebración.
Sen plan operativo nin orzamentos para afrontar o Ano Santo
Muíños advirte de que a falta de planificación non se limita á promoción turística, senón que afecta á capacidade da cidade para atender o incremento de visitantes e garantir o funcionamento dos servizos públicos. Entre as cuestións que considera urxente resolver cita a situación dos cadros de persoal da Policía Local e dos Bombeiros, os contratos de mantemento de zonas verdes vencidos e pendentes de nova licitación e a ausencia de información sobre os dispositivos especiais de limpeza viaria e mobilidade.
O concelleiro tamén reclama explicacións sobre o financiamento destas actuacións, xa que, segundo sinala, o prazo legal do 15 de outubro para presentar o proxecto de orzamentos municipais de 2027 xa pasou sen que se coñecese un borrador. Pregunta con que partidas pensa o goberno local sufragar os reforzos dos servizos, a loxística e a programación cultural vinculada ao Ano Santo.
“Pretenden entrar no Xacobeo 2027 cos orzamentos prorrogados, cos contratos de xardíns vencidos e coa Policía Local baixo mínimos”, critica. Para Muíños, a prioridade debe ser garantir unha cidade limpa, segura, con servizos públicos preparados e cunha xestión transparente dos recursos recadados a través da taxa turística.
O edil tamén cuestiona a evolución da achega da Xunta á Capitalidade de Galicia, que, segundo sinala, pasa dunha actualización do 14 % no exercicio anterior a unha do 4 % este ano, nun momento no que considera necesario reforzar os recursos destinados á cidade.
“Se Santiago non ten un plan, a Xunta decide por Santiago”
Na interpelación, Muíños preguntará á concelleira de Turismo por que non se constituíu o grupo de traballo do Xacobeo, cando se convocará de novo o Foro de Turismo Sustentable, que investimentos estruturais e de servizos básicos se financiarán coa taxa turística, cal é o plan operativo de seguridade, limpeza, transporte e conservación do espazo público e con que recursos se prevé financiar a programación e a promoción de 2027.
Tamén reclamará información sobre os compromisos económicos e o retorno para o comercio e a cultura local que o Concello negociou coa Xunta no marco da Comisión Organizadora, así como sobre o diálogo que existe entre ambas as administracións.
Muíños considera que Santiago debe ter unha posición activa na preparación do Ano Santo e non limitarse a asumir as decisións adoptadas noutras institucións. “Non nos vale que veñan queixarse de que San Caetano vai por libre cando renunciaron a exercer o liderado que lle corresponde á capital de Galicia”, sostén.
O concelleiro conclúe reclamando a convocatoria inmediata do Foro de Turismo Sustentable, a constitución do grupo de traballo específico e a presentación dun plan rigoroso de actuacións e investimentos. “Santiago non pode encarar o Xacobeo 2027 por inercia nin como convidado na súa propia casa. Ata aí podíamos chegar”, afirma.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.