• Cuestiona que o Concello anuncie outro macroproyecto do que non hai expediente coñecido e sen aclarar orzamento, calendario nin quen decidirá os futuros usos dos espazos
• Izaskun García: “Non se trata de devolver os terreos para quitarse un problema de encima, senón de buscar financiamento e aproveitar unha oportunidade para os nosos clubs e veciños”
O PP de Culleredo esixirá mañá no Pleno que o Concello manteña a cesión de uso dos terreos da Garrocha e Monte Costa, vixente ata 2042, e desista formalmente da solicitude presentada para poñerlle fin. A moción reclama tamén que a corporación municipal participe nas decisións sobre ambos os espazos e reciba toda a documentación do procedemento.
A portavoz popular, Izaskun García, cuestiona que o alcalde, José Ramón Rioboo, anunciase, a só tres días do Pleno e coñecendo xa a iniciativa do PP, un novo macroproyecto conxunto coa Deputación para crear un bosque autóctono e un complexo deportivo. “En xaneiro pediu devolver os terreos, despois anunciou novas instalacións e agora presenta outro gran proxecto. Por que quere renunciar a un dereito que Culleredo ten garantido ata 2042?”, sinala.
Para García, a prioridade debe ser conservar o dereito de uso e explorar fórmulas de financiamento e colaboración coas distintas administracións que permitan executar as actuacións. “Devolver os terreos pode ser a saída máis cómoda para quen non quere asumir a responsabilidade de recuperalos, pero non é a solución para atender o deporte local e que piden os nosos veciños. Se son alcaldesa, buscarei os recursos e os acordos necesarios para sacar adiante un proxecto municipal”, asegura.
Así, García destaca que o PP xa está a traballar nunha proposta para aproveitar a zona, elaborada coa participación de entidades deportivas locais e posibles investidores interesados no seu desenvolvemento. O obxectivo é deseñar unhas instalacións de uso municipal, acordadas cos clubs e adaptadas ás súas necesidades de adestramento e competición, que tamén dean servizo aos veciños. “Non queremos outro proxecto que quede en papel mollado. Queremos que A Garrocha volva ser un espazo útil para o deporte de Culleredo”, afirma.
A portavoz popular critica, ademais, que o novo anuncio non concrete investimento, calendario de execución nin quen decidirá os usos futuros das instalacións. Segundo as consultas realizadas polo PP na Deputación, tampouco consta polo momento ningún expediente de tramitación do proxecto anunciado. García lembra ademais que Rioboo leva desde 2018 presentando distintas actuacións para esta zona sen que ningunha delas materialícese: “Os clubs seguen esperando instalacións mentres o alcalde segue ofrecendo titulares. Culleredo necesita feitos, non máis propaganda”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.