Tuesday 27 de October de 2026

Neda porá á venda este martes as entradas para o espectáculo “Nabiza Girl” de Isabel Risco


O monólogo poderá desfrutarse dentro do ciclo Tempo para o teatro

O Concello de Neda activa mañá martes a venda de entradas para o segundo espectáculo do ciclo Tempo para o teatro. “Nabiza Girl”, monólogo, en clave de comedia, no que a televisiva Isabel Risco encarga a unha superheroína galega, chega este venres, 30 de outubro, á Casa da Cultura, buscando poñer en valor ás mulleres do rural.

A proposta, que poderá desfrutarse a partir das 20:30 horas, fuxe do formato clásico do monólogo de humor, sendo un espectáculo teatral de pequeno formato, que inclúe en distintos momentos a implicación directa do público, establecendo un contacto directo.

Isabel Risco, gañadora, entre outros galardóns, do Mestre Mateo á mellor actriz de reparto por Era visto!, interpreta en “Nabiza Girl” a Chelo García Naveira, un personaxe de ficción, que se converte en heroína por accidente.

A obra busca poñer en valor a aportación das mulleres rurais á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, e ademais reivindica a identidade, o patrimonio, e a forma de ver e entender o mundo dos galegos e das galegas.

As entradas para a función, cun coste de 2 euros, poderán retirarse entre este martes e o venres na biblioteca municipal de Neda. A obra chega a Neda coa colaboración da Rede cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario