Tuesday 27 de October de 2026

O PP de Culleredo reúne á súa Xunta Directiva Local e anuncia encontros veciñais nas once parroquias


• Izaskun García reivindica unha xestión eficaz e sitúa a vivenda, os servizos municipais, os investimentos e a atención ao rural entre as súas prioridades
• “Temos o equipo, o proxecto e a determinación para gobernar. Somos a única alternativa real para lograr o cambio que merece Culleredo”

O PP de Culleredo reuniu este sábado á súa Xunta Directiva Local nun almorzo de traballo celebrado na súa sede de Acea de Ama para organizar as próximas actividades da formación e reforzar o seu proxecto municipal para as eleccións de maio de 2027.
A presidenta local e candidata á alcaldía, Izaskun García, aproveitou o encontro para reivindicar a unidade e a capacidade de traballo do seu equipo, ao que chamou a implicarse activamente nunha etapa que considera decisiva para o futuro de España e de Culleredo. “Non estamos aquí para cubrir o expediente. Estamos aquí para cambiar as cousas. Temos un proxecto claro, un equipo comprometido e a determinación de gobernar. Somos a única alternativa real para lograr o cambio que merece Culleredo”, afirmou.
García avanzou que o PP intensificará a súa actividade nas próximas semanas e anunciou un calendario de mesas informativas, encontros e visitas ás once parroquias do municipio. Estas actividades permitirán –dixo– recoller demandas e explicar aos veciños as propostas do partido. “O noso sitio está na rúa, escoitando á xente, coñecendo os problemas e buscando solucións. Así se constrúe un proxecto de goberno: desde a realidade de cada barrio e de cada parroquia”, sinalou. A portavoz popular defendeu tamén unha xestión eficaz con prioridades claras en vivenda, servizos municipais, investimentos e atención ao rural: “Culleredo non necesita máis promesas. Necesita un goberno que escoite, tome decisións e converta os seus recursos en solucións para os veciños”.
O encontro serviu ademais para abordar a organización do partido ante as próximas eleccións xerais. García animou aos asistentes para participar nas actividades previstas e a seguir sumando a veciños que desexan unha política máis próxima e centrada nas necesidades cotiás. “Non pedimos aos veciños que se conformen co que hai. Propoñémoslles algo moito mellor: un Culleredo que funcione, que coide os seus barrios e parroquias e que volva ter ambición. Non viñemos a xestionar a resignación. Viñemos a cambiar o rumbo de Culleredo”, indicou.

Deja un comentario