Tuesday 27 de October de 2026

Goretti Sanmartín reclama que o Xacobeo deixe pegada en Santiago con equipamentos deportivos e culturais


A alcaldesa de Santiago asegura que a proposta de orzamentos da Xunta para 2027 “volve darlle as costas á veciñanza de Compostela” e pon o foco na necesidade dunha maior dotación para vivenda, para investimentos dedicados a centros educativos e en compensacións para asumir o Ano Santo, así como na falta de compensacións que fiquen na cidade en forma de infraestruturas permanentes ao servizo da veciñanza.

“Volven darlle as costas á veciñanza de Compostela” asegurou esta mañá Goretti Sanmartín a respecto da proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2027. A rexedora compostelá puxo o foco na necesidade de incrementar a dotación orzamentaria para vivenda, xa que a prevista, asegurou que “non fai máis que empezar a paliar un déficit longamente adiado e nin está garantido que as vivendas que se promovan se dediquen á principal necesidade que é o alugueiro”. No ámbito da vivenda, Goretti Sanmartín tamén afirmou botar en falta “un apoio á rehabilitación de inmobles para dedicalos a vivenda pública, tal como propuxemos e como acordaron con outras localidades”.

A alcaldesa indicou que os orzamentos da Xunta para 2027 deberían recoller cantidades significativas para compensar o esforzo que fai a veciñanza de Compostela para acoller a gran celebración do Xacobeo. Así, explicou que moitos recursos municipais son absorbidos polas maiores necesidades de acondicionamento dos espazos públicos ou pola sobrecarga nos servizos que supón a alta presenza de visitantes, polo que “nun Ano Santo as necesidades de servizos básicos multiplícanse e a Xunta nin aumenta a dotación da capitalidade de xeito significativo nin prevé ningún outro programa de colaboración que poida paliar o infrafinanciamento endémico que sufrimos os concellos e que en Santiago se agudiza”.

Neste sentido, sinalou que tampouco se ofrecen outro tipo de compensacións que poidan ficar en forma de infraestruturas permanentes ao servizo da veciñanza compostelá, cando xacobeos anteriores si que deixaron pegada na cidade, dotándoa de equipamentos referenciais. “Compostela merece investimentos por parte da Xunta en infraestruturas deportivas que poidan dar resposta ás crecentes necesidades” asegurou Goretti Sanmartín, quen lembrou que o goberno da Xunta “leva décadas sen contribuír cun só euro ao equipamento deportivo de Santiago”. Tamén sinalou como unha infraestrutura necesaria, longamente demandada e con unanimidade do Pleno de Santiago, o Conservatorio de Danza, para completar a oferta de ensinanzas artísticas

A respecto dos centros de ensino públicos de primaria e de secundaria, cualificou como “cativas” as cantidades destinadas ao Centro de Educación Especial da Barcia ou ao Quiroga Palacios, “onde nin sequera prevén construír o espazo de usos múltiplos e comedor que a comunidade educativa está reclamando” asegurou.

Deja un comentario