Mañá, venres 23 de outubro, ás 18.30 horas na Senra, darán comezo as ‘Xornadas Culturais 2026’ de Bergondo, evento que se enmarca dentro da programación para conmemorar o 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador, e que profundará no incalculable valor histórico, artístico e patrimonial do cenobio bergondés.
O programa arrincará o venres 23 de outubro ás 18.30 horas na Senra, coa intervención da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e do párroco do Mosteiro, Rubén Aramburu. Continuará Carlos Gutiérrez Cuartango, prior do Mosteiro de Sobrado, que ofrecerá a charla ‘A vivencia monástica hoxe’ para achegar ao público a realidade actual da vida nos conventos.
A xornada do sábado 24 de outubro comezará pola mañá na Senra. Ás 10.00 horas, a licenciada en Xeografía e Historia Ana Filgueiras Rei impartirá o relatorio ‘Ou legado invisible do mosteiro de San Salvador de Bergondo’. Posteriormente, ás 11.45 horas, será a quenda de Alfredo Erias, doutor en Historia da arte e presidente da Fundación L. Monteagudo, coa súa intervención ‘Unha ollada á igrexa e mosteiro de Bergondo’. Esta sesión matinal concluirá cun fito moi especial: a presentación oficial da canción ‘Aló en Bergondo’.
Xa pola tarde, a actividade trasladarase á contorna do Mosteiro de San Salvador. Ás 16.00 horas, Estefanía López Salas, doutora arquitecta e profesora titular da UDC, presentará ‘Trala pegada dunha paisaxe monástica: San Salvador de Bergondo’. Ás 17.30 horas, os asistentes poderán desfrutar dunha visita guiada polas instalacións do recinto histórico. O broche de ouro a este segundo día poñerao o Concerto de Outono, organizado pola Coral Costumes, ás 19.00 horas.
As Xornadas Culturais concluirán o domingo 25 de outubro na Senra cunha mirada cara aos próximos pasos na conservación e divulgación do monumento. Ás 11.30 horas celebrarase a mesa redonda ‘900 anos… e agora que?’, que contará coas intervencións do xornalista Cristóbal Ramírez; a arqueóloga e doutora en Xeografía e Historia Matilde González Méndez; e Marta Vidal Zapatero, diplomada en Turismo e guía oficial tanto no Pazo de Meirás como no propio Mosteiro de Bergondo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.