O Concello de Ribeira iniciou os trámites para a compra dunha primeira fase de equipamento
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Obras, Herminia Pouso, visitaron hoxe a Escola de Deportes Náuticos de Aguiño para comprobar o resultado da actuación que supuxo un investimento de 1.179.750 euros, IVE incluído, para fornecer ao municipio dunhas instalacións para a práctica deportiva relacionada co mar.
A construción consta de 1156 metros cadrados divididos en dous andares, nas inmediacións da lonxa aguiñense. Na planta baixa atópase a zona de almacenamento de embarcacións, o foso de adestramento, a recepción, e almacén. Doutra banda, na primeira planta sitúase o salón multiusos con aula e office, despacho, baño adaptado, vestiarios, ximnasio e almacén.
O Concello de Ribeira, a través do remanente, iniciou os trámites para a compra dunha primeira fase de equipamento e seguirá traballando para incrementar a dotación material progresivamente.
“Xa podemos dicir que Ribeira conta con esta infraestrutura tan necesaria dado o vínculo do municipio co mar tamén a través do deporte. Unha obra que chega xusto a tempo para que os remeiros e remeiras poidan adestrar nun lugar en óptimas condicións. Este goberno municipal materializa o seu compromiso para que clubs e deportistas gocen de maiores facilidades e mellores prestacións na súa práctica deportiva”, declara a rexedora.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.