A alcaldesa de Santiago, Goretti Samartín, e mais a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, participaron hoxe na apertura da exposición “A historia ferroviaria da Vía Verde Compostela-Tambre -Lengüelle” en Área Central.
No acto tamén estiveron presentes o deputado provincial de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Alexander Doval Expósito, alcalde de Oroso, e Carlos Abellán, da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril.
Durante a súa intervención, a alcaldesa agradeceu a todas as entidades promotoras da exposición por recuperaren e divulgaren “a historia do antigo trazado ferroviario Santiago-Coruña”, ademais de ter palabras expresas de agradecemento para a Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril e Carlos Abellán “por dar a coñecer a historia dunha infraestrutura que forma parte da memoria do territorio”.
Sanmartín Rei salientou que sobre este trazado histórico a Vía Verde ofrecerá “novas posibilidades para o lecer, o deporte e o turismo sostible de toda a veciñanza”, destacando que está “a xerar grandes expectativas nas parroquias do norte de Compostela polas que discorrerá, así como nas aldeas próximas que terán un recurso de primeira man de goce do lecer, de promoción da saúde, cultural, deportivo e turístico, ao acadar nova visibilidade do territorio rural polo que a Vía Verde pasa”.
Así, a alcaldesa quixo lembrar que ao remate estarán conectados “os municipios de Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías dos que 13 quilómetros corresponden a Santiago de Compostela; 7,19 a Oroso; 8,3 a Ordes; 2,48 a Tordoia e 5,5 a Cerceda” que estarán “abertos para cicloturistas, camiñantes e persoas con mobilidade reducida”.
A día de hoxe, recordou, o proxecto é unha realidade accesible desde Cerceda a Ramelle en Busto, estando en obras os últimos quilómetros de Santiago de Compostela. Convidou ao remate a “mirar ao pasado para entender o presente” e “coñecer a historia do ferrocarril que atravesaba este territorio e ver como acadará unha nova vida convertido nunha vía verde que axiña percorreremos desde A Sionlla a Cerceda”.
A mostra
A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle impulsa esta exposición co obxectivo de recuperar e divulgar a historia do antigo trazado ferroviario e poñer en valor a súa transformación na Vía Verde, un itinerario con novas posibilidades para o lecer, o deporte e o turismo sostible.
A mostra permitirá achegarse ao pasado ferroviario deste percorrido e coñecer mellor a historia dunha infraestrutura que forma parte da memoria do territorio.
A colaboración da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril permite ofrecer unha visión divulgativa e amena desta historia, achegando o patrimonio ferroviario tanto ás persoas afeccionadas aos trens como ao público xeral e ás familias.
Como actividade complementaria, o sábado 24 de outubro celebrarase un mercadillo ferroviario, pensado especialmente para persoas afeccionadas ao modelismo e ao coleccionismo, así como para todas as persoas interesadas no mundo do ferrocarril.
A iniciativa forma parte do traballo da Asociación de Concellos para dar visibilidade á Vía Verde CompostelaTambre-Lengüelle para recuperar a memoria do antigo trazado e reforzar o seu valor como recurso patrimonial e turístico compartido.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.