Saturday 16 de May de 2026

Óleos inéditos de Luis Seoane, expostos desde hoxe para conmemorar o 30 aniversario da súa Fundación


Inés Rey: “Recuperar e amosar estas obras é un acto de responsabilidade coa cidadanía”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de apertura da mostra ‘Seoane reencontrado’, que conmemora o 30 aniversario da Fundación Luis Seoane recuperando e expoñendo para o público un conxunto de 55 óleos da colección institucional que non se lle amosaban ao público desde hai máis dunha década. Do total, 38 nunca foron expostos nas salas deste espazo cultural municipal.
“Luis Seoane non foi só un artista extraordinario; foi tamén un intelectual comprometido, un creador inconformista e unha figura clave na construción da identidade cultural galega no século XX”, sinalou a alcaldesa durante o acto, no que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron o vicepresidente da Fundación Luis Seoane, Xosé Díaz, e a comisaria da exposición, Carmen Jiménez.

A mostra convida a afondar na pintura de Seoane a través dunha selección de pezas que, aínda que menos coñecidas, son representativas da riqueza da súa linguaxe pictórica, e dáselle así continuidade ao labor de difusión e estudo da súa obra, levado a cabo pola Fundación desde 1996. ‘Seoane reencontrado. Óleos 1945 – 1977’ estará aberta ao público ata o 14 de maio de 2027.
“Recuperar e amosar estas obras inéditas é tamén un acto de responsabilidade coa cidadanía. Tal e como dixemos desde o Concello, o legado de Seoane debe ser coñecido e compartido por todas e todos, porque forma parte do noso patrimonio común”, apuntou a alcaldesa, que eloxiou o labor que leva a cabo a Fundación Luis Seoane, conservando e difundindo o legado do autor: “A Fundación é un lugar vivo, un punto de encontro para a cidadanía, para artistas, persoal investigador e visitantes; un espazo no que o pensamento de Seoane segue dialogando co presente e inspirando novas xeracións”.

Contido da mostra

A exposición comeza cunha selección de óleos realizados polo artista durante a segunda metade dos anos 40, como ‘O ermitán’ (1945), ‘Cabeza de campesiño’ (1946), ‘O sombreiro verde’ (1948), ‘Pensando na beira do mar’ (1948) ou ‘Falando’ (1948). Seoane dá os seus primeiros pasos como pintor empregando unha gama cromática limitada de grises e marróns combinados con tonalidades rosas, amarelas, verdes ou azuis suaves, pouco saturadas, que aplica a través dunha pincelada espesa. Co cambio de década aparecen as primeiras variacións no tratamento da perspectiva, que se simplifica; tamén no uso da cor, que se amplía e intensifica, e na utilización do trazo para a organización de elementos dentro do lenzo, unha evolución que se fai evidente en óleos como ‘Pelando papas’ (1950).

A partir deste punto, a exposición adéntrase nese período de preto de quince anos no que Seoane desenvolve por completo a súa linguaxe pictórica, que agora é sintética, desprovista de volume, e caracterízase pola aparición de grandes masas de cor e segmentos gráficos, froito da súa actividade como gravador e muralista. Esta etapa, a máis representada dentro do proxecto, ábrese con tres óleos realizados no ano 1958, ‘Muller levando unha gran cesta’ – imaxe da mostra -, ‘A discusión’ e ‘Cabeza con canasto’, e nela inclúense cadros pouco coñecidos como ‘Figura’ (1964), que se expón por vez primeira na Fundación.

Para o percorrido expositivo optouse por unha disposición cronolóxica das obras, unha elección que permite amosar a evolución da pintura do artista para os/as novos/as espectadores/as, ao mesmo tempo que lles proporciona a aquelas persoas xa familiarizadas con ela a posibilidade de recoñecer determinadas características estéticas e formais de pezas expostas anteriormente na Fundación Luis Seoane en varias das que agora figuran nesta exposición. Un exemplo disto sería ‘Cabeza’, un óleo de 1963 inédito na Fundación e ‘Cabeza de perfil’, do mesmo ano, que formou parte da mostra permanente de 2015.

A exposición ofrece tamén a posibilidade de realizar unha lectura diferente da práctica artística de Seoane grazas á presenza de varios óleos de carácter máis experimental, pouco habituais na súa produción, como ‘Cargando cun vulto’, ‘Figura con fondo vermello’ (1959), ‘Xogo con espátula’ (1962) ou ‘Abstracción I’ (1962). Trátase de cadros realizados entre 1959 e 1962, dentro dese período que vai desde mediados da década dos 50 ata finais dos sesenta, chave na súa traxectoria, no que xa é un artista recoñecido e as súas obras figuran en coleccións públicas e privadas. O seu traballo como gravador, editor e muralista posibilítalle o contacto con distintas solucións e materiais, e lévano a experimentar coas texturas, o que lles confire a estas pezas un carácter excepcional dentro da súa obra pictórica que, como el mesmo afirma, é “plana, de fortes contrastes de cor e cun grafismo espontáneo que se lle superpón. (…) Non trato de facer unha pintura lavada, senón de fuxir de calquera clase de texturas que distraian a intensidade do ton plano”.

‘Seoane reencontrado’ recolle ademais aspectos biográficos do artista a través doutros exemplos como o retrato de Alfredo Cáceres, marido da escritora uruguaia Esther de Cáceres, ambos amigos de Luis e Maruja; ou a homenaxe divertida e nostálxica que Seoane lles rende en 1970 a catro estrelas do cinema mudo nunha serie de retratos que non se expoñían xuntos desde hai máis de tres décadas. Por último, destaca tamén ‘Figura en interior’ (1950), presente na mostra inaugural da sede definitiva da Fundación Luis Seoane, que regresa agora á súa sala principal de exposicións.

Deja un comentario