Friday 22 de November de 2024

Unha trintena de alumnos e alumnas participarán no programa municipal ‘Antenas de Información Xuvenil’


O alumnado, procedente de 19 centros educativos da cidade, transmitirá a información cos Espazos Municipais de Información Xuvenil

O Concello vén de facer pública a resolución de alumnado participante no programa educativo Antenas de Información Xuvenil (AIX) para achegar a información xuvenil aos centros educativos da cidade. O proxecto busca crear pequenas sucursais dos Espazos Municipais de Información Xuvenil en centros de educación secundaria, escolas de formación profesional e outros centros concertados ou públicos da cidade que inclúan ESO e Bacharelato seguindo o obxectivo do Goberno de Inés Rey de fomentar a participación e coñecemento da mocidade coruñesa nos espazos e actividades municipais.

En total, 32 alumnos e alumnas participarán no programa municipal que cubrirá 19 centros educativos da cidade. Deberán asistir a formacións e reunións de coordinación e manter comunicación permanente cos Espazos de Información Xuvenil. Entre as tarefas a realizar destaca a actualización semanal do espazo informativo e as canles dixitais, así como motivar ao resto do alumnado a involucrarse coas actividades xuvenís.

Para elo, o Concello achégalle diferentes recursos como unha tablet con conexión wifi durante o ano escolar para facilitarlles a difusión dixital da información. Ademais, como contrapartida, recibirán formación en dinamización da información xuvenil e xestión de redes sociais, así como acceso ao carné internacional de estudante, un certificado oficial de participación no programa e entradas para eventos organizados polo Concello. Ao finalizar o ano, recibirán unha compensación económica de 100 euros por proxecto completado. No caso de que unha antena teña dúas persoas responsables, a compensación dividirase entre ambas.

Nesta edición, os Centros Educativos que contarán con antena son: IES Fernando Wirtz, IES Urbano Lugrís, IES Rafael Dieste, IES Eusebio da Guarda, IES Adormideras, IES Menéndez Pidal, IES Agra do Orzán, IES Monelos, IES Elviña, IES Puga Ramón, IES Monte das Moas, CPR Esclavas del Sagrado Corazón, CPR Compañía de María, CPR Franciscanos, CPR Fogar de Santa Margarita, CPR Grande Obra de Atocha e o CIFP Paseo de los Puentes.

Así mesmo, o IES Sardiñeira e o CIFP Ánxel Casal contarán con proxectos de natureza singular. Trátase dunha modalidade excepcional do programa na que os centros educativos poden xustificar a existencia de proxectos de dinamización xuvenil xa activos, ou nos que colaboren máis de dúas persoas baixo a supervisión dun docente, presentando un proxecto de aula. Nestes casos, a compensación é destinada ao centro educativo, mantendo a mesma contía que nun proxecto de Antena tradicional.