Thursday 21 de November de 2024

José Manuel Lage sobre os homenaxeados no Día de Todos os Santos: “Construíron unha Coruña máis libre, cultural e galega”


O primeiro tenente de alcaldesa presidiu esta mañá a tradicional ofrenda floral no Cemiterio de San Amaro, en homenaxe a Wenceslao Fernández Flórez, Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal

Antes de comezar, o voceiro municipal pediu un minuto de silencio en lembranza e apoio ás familias e amizades das vítimas da recente DANA

O voceiro municipal e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, presidiu esta mañá a tradicional ofrenda floral polo Día de Todos os Santos no Cemiterio de San Amaro. Lage presidiu o acto en nome da alcaldesa, Inés Rey, que non puido estar presente. Este ano, o Concello homenaxeou a Wenceslao Fernández Flórez, Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, figuras esenciais da cultura galega, coincidindo co 60 aniversario do falecemento de Fernández Flórez e o centenario da fundación da editorial Lar por Carré e Casal. Lage sinalou a importancia de manter viva a memoria destes precursores “que construíron unha Coruña máis libre, cultural e galega” e destacou San Amaro como espazo de memoria histórica e cultural: “Non é só un camposanto, é un lugar ao que a nosa cidade acode para atopar na memoria solucións de futuro”.
A ofrenda deu comezo da man da Coral Polifónica ‘El Eco’ xunto á Cruz dos Esquecidos, onde o voceiro municipal pediu, en nome da alcaldesa Inés Rey, un minuto de silencio en lembranza das vítimas da recente DANA, en apoio ás familias e amizades afectadas polas intensas chuvias. Tras elo, Lage dedicoulle unhas palabras aos autores homenaxeados antes de realizar o percorrido e as ofrendas individuais.
No canto de Wenceslao Fernández Flórez o voceiro municipal reivindicou a conexión entre o escritor e a identidade coruñesa que definiu como “profundamente retranqueira” e lembrou a súa definición de San Amaro, pois o autor explicaba que na Coruña “cuando alguien se muere lo
1
Nota de Prensa
llevan a un cementerio tan próximo al mar, que más que enterrarle parece que lo tiran por la borda”.
Ademais, Lage puxo en valor a capacidade de Fernández Flórez para captar a esencia coruñesa nos seus escritos, dos que destacou que abarcan “dende a rúa Real á praia de Riazor, celebrando todas as formas de ser coruñés”. Así mesmo reivindicou o compromiso coa defensa da cidade, e definiuno como “un autor que, ademais de encher de vida as súas personaxes, asumiu con orgullo o carácter urbano e vangardista de A Coruña, converténdoa nun referente cultural de Galicia”, concluiu Lage.
O centenario da editorial Lar e o legado galeguista de Carré Alvarellos e Casal
A cerimonia continuou coa lembranza de Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, fundadores da editorial Lar en 1924. O voceiro municipal destacou a importancia deste proxecto editorial para a cultura galega, subliñando que “foi unha iniciativa que marcou un fito para a lingua e a literatura galegas, converténdose nunha ferramenta de defensa cultural en tempos difíciles”. Carré Alvarellos, director da editorial e firme defensor do galeguismo, respondía ás críticas literarias de Lope de Vega afirmando que: “o pobo galego é eminentemente lírico, pois entre as xentes máis humildes e iletradas xorden poetas a centos”. Así mesmo, lembrou que Carré Alvarellos desafiou á ditadura de Primo de Rivera promovendo unha editorial en galego e foi “un axitador cultural en todos os ámbitos, un exemplo de compromiso e de defensa das tradicións e lingua galegas”.
O concelleiro tamén dedicou palabras emotivas a Ánxel Casal, figura central da vangarda cultural e política da época, quen pagou coa vida a súa defensa de Galicia ao ser asasinado no 1936 polo réxime franquista. Lage fixo un chamamento á cidade para “manter viva a memoria de Casal, como exemplo de valentía e compromiso social”.
O acto finalizou coa ofrenda floral no monumento aos Mártires pola Liberdade en homenaxe a todas as vítimas do franquismo, resaltando o valor simbólico da cerimonia. “Hoxe, neste cemiterio, lembramos a tres figuras senlleiras, pero tamén a todas as almas que fixeron de San Amaro un espazo sagrado e eterno para a nosa memoria”, concluíu o voceiro municipal.